VIALIA
REVISTA MARZO

Dez motivos polos que non podes perder O Marisquiño

Este venres comeza o festival máis importante da cidade, O Marisquiño, que volve como de costume cargadiño de actividades para todos os públicos. Deporte, gastronomía, música, obradoiros, pequechos… non faltará de nada estes días no Paseo das Avenidas. Para consultar os horarios de todas as probas deportivas, preme aquí. Para consultar os horarios de probas ou actuacións concretas, preme no título de cada apartado.

Mapa do recinto

1 – FREESTYLE FOOTBALL

Unha das novidades deste ano será o Freestyle Football, unha nova disciplina do máis espectacular. Ademais, trátase nin máis nin menos que da final do Campeonato de España de Red Bull Street Style, que é desde hai unha década a competición máis prestixiosa do mundo do freestyle football, desenvolta en colaboración coa World Freestyle Football Asociation.

O freestyle football é a arte de facer trucos cun balón, pero non son só os movementos sofisticados os que fan que este deporte sexa único. O estilo libre é un modo de vida que transcende o deporte para converterse nunha forma de arte. A gama de trucos que pode facer un freestyler é simplemente infinita. A orixe desta disciplina remóntase aos oitenta co mítico Diego Armando Maradona e os seus famosos trucos durante os quecementos.

2 – BEST TRICK

A outra novidade no ámbito deportivo é o Best Trick, unha extensión do famoso Dirt Jump. Os corredores xogaranse o truco máis tolo do Festival nun mega salto de máis de 8 metros de altura e 10 metros de longo aterrando coa bicicleta sobre unha recepción branda de airbag. Mesmo concepto pero aínda máis espectacular.

Contaremos para iso con auténticos especialistas como os españois Adolf Silva (un dos poucos riders do mundo en facer triplo backflip) e Bienvenido Aguado (o primeiro rider en cravar un dobre frontflip en MTB). E como non, o actual campión da Copa do mundo FMB 2018 e gañador de 3 edicións do O Marisquiño, o americano Nicholas Rogatkin. O primeiro corredor do mundo en lograr un 1080 “Twister” en competición.

3 – MTB DOWNTOWN

O MTB Downtown é unha das modalidades máis espectaculares de O Marisquiño e unha das máis queridas polo público… unha incrible baixada en Mountain Bike polas costas da cidade de Vigo que son especialmente coñecidas pola súa inclinación. A proba comeza no Castelo de San Sebastián e despois de percorrer vertixinosamente o casco antigo da cidade, termina no mesmo Porto. Como novidade, antes de chegar a meta os corredores terán que saltar por enriba un coche.

4 – BASKET 3X3

Unha das novidades da anterior edición foi a incorporación do Basket 3×3, cuxa final desgrazadamente non se puido disputar por mor da chuvia. O Marisquiño presenta por segundo ano consecutivo a proba de FIBA Endorsed na modalidade 3×3 “Satellite”. A proba de Vigo será clasificatoria para competir no Open Ljubljana Challenger 2019, que se celebrará xusto unha semana despois, o 17 e 18 de Agosto, en Eslovenia. 16 serán os equipos seleccionados para que só un deles consiga o billete e o privilexio de xogar no seguinte nivel internacional. Unha das grandes novidades para a edición XIX integrado no mesmo formato do evento 3X3 Endorsed, será a primeira proba mixta do 3X3 Junior O Marisquiño para mozos e mozas con idades de 16, 17 e 18 anos.

5 – CONCERTOS

Non faltará música ao longo dos tres días de festival, dividido en dous escenarios máis o Dub Corner. De feito, as actuacións comezarán o xoves con Nahno Selectah e High Paw. Algúns dos concertos destacados serán os de Fusa Nocta, Eric Bobo e Jota Mayúscula o venres e Niña Coyote eta Chica Tornado, Biznaga e Eme Dj o sábado. O escenario principal cambia a súa ubicación á praza da Estrela. Toda a información dos concertos premendo aquí.

6 – O MARISQUIÑO KIDS

Un ano máis, O Marisquiño convértese nun festival family friendly a través de distintas propostas programadas para os máis pequenos. Unha programación lúdica e dinámica repartida durante os 3 días do festival. O Marisquiño Kids é unha proposta fantástica deseñada para o público novo que busca potenciar a súa creatividade e a práctica deportiva entre nenas e nenos. As actividades inclúen graffiti, Breaking, Basket, Football Freestyle, cine infantil, Fingerboard e Tarp Surfing.

7 – GASTRONOMÍA

Entre probas e concertos seguro que a fame apreta nalgún momento, polo que seguro que isto che interesa. Haberá varias zonas de restauración repartidas polo recinto, nas que atoparemos unha ampla variedade de produtos, como polbo, xeados, froita, vermú, hamburguesas, peixe, marisco, crepes, sushi, pasteis, xamón, comida mexicana… por variedade non será.

8 – VILLAGE

Tamén haberá unha zona para ir de compras, na que poderemos mercar todo o merchandising oficial do festival (camisetas, gorras, bolsas, skates, paraugas…) ademais de produtos doutras marcas de moda urbana.

9 – URBAN CULTURE

Ademais dos deportes, O Marisquiño tamén xira arredor da cultura urbana. Por iso, poderemos asistir a exhibicións e competicións de graffiti e breaking. Sobre o primeiro, haberá un muro de 35 metros para que artistas nacionais e internacionais como Powone, Brayone, Mosaikone, Rudi ou Sax enchan de cor e arte.

Banner A Movidiña

O campionato de Breaking 4 Elementos STREET BATTLE O MARISQUIÑO, converteuse nun dos eventos máis importantes de Europa, e a nivel Internacional, grazas a ter aos xuíces máis prestixiosos da escena. Neste 2019 a zona de Break Dance do festival volverá vibrar, pero nesta ocasión desde a localización inicial, fronte ao hotel Bahía de Vigo.

10 – O AMBIENTE

Pero se por algo destaca O Marisquiño é polo seu ambiente festivo e alegre durante toda a fin de semana. Un festival moderno, aberto e diseñado para todas as idades, no que as actividades non deixan de sucederse. Aínda que non sendo fan destes deportes ao longo do ano, sempre é unha boa oportunidade para sorprenderse con espectáculos diferentes e de primeiro nivel.

(GMT+01:00) Paseo das Avenidas