VIALIA
bannerPicnicSesions

Quico Cadaval: “Grazas a Noites de Retranca o humor galego pasou dos bares aos teatros”

No Día de Galicia, que mellor que botar unhas risotadas con catro cómicos da terra na terraza do Mar de Vigo? Volven as Noites de Retranca, o espectáculo de comedia máis lonxevo do país, no que actuarán Mofa e Befa, Celso Sanmartín e Quico Cadaval. Falamos con este último sobre comedia autóctona, contos para adultos e a seguridade nos teatros.

Quico Cadaval recollendo o Premio María Casares no 2018 | AAAG

Polo que vin xa realizaches algunhas actuacións en Ribadavia, Pontevedra ou no Barco. Que tal está a ser esta nova normalidade?

Os que imos estar na terraza somos artistas que nos comunicamos moito co público, estamos pendentes da súa reacción. Entón nótase unha estrañeza porque a xente ten a expresión oculta polas máscaras, pero o público busca outras formas de manifestarse, de dicir que está aí e que se está a divertir. A separación entre persoas tamén é un inconveniente, porque normalmente o humor baséase moito na complicidade, en darlle unha palmada na perna ao que tes ao lado para sinalar que se están metendo con el. En todo caso a experiencia foi fabulosa e vese que o público ten ganas de que regrese a festa e o teatro.

O sábado vas volver compartir escenario con Mofa e Befa e Celso Sanmartín, que me podes contar deles?

Eu son animal de compañía de Mofa e Befa desde hai máis de 20 anos. Penso que foron os que cambiaron o humor en Galicia, co seu estilo descarado e con elementos agresivos. Foron unha das voces máis libres que houbo, sempre dixeron cousas que ninguén se atrevía a dicir. Celso Fernández Sanmartín é un narrador cunha voz única que domina os tempos escénicos, e que é capaz de especular co tempo de reacción do público. A súa malicia consegue manter á xente esperando polo gag, algúns deles dos máis delicados do mercado.

Ante a aparición dalgúns rebrotes están volvendo a cancelar algúns eventos e festivais, mais as terrazas dos bares continúan abertas. Semella que a cultura sempre é a primeira en caer nestes casos.

Hai un mes díxeno nunha entrevista: xa estaban os avións a tope e non se podían abrir os teatros. Eu creo que hoxe en día debería facerse teatro en todas partes porque está a ser dos lugares máis seguros de todos. Ese rumor que di que vai considerarse ocio nocturno como as discotecas paréceme delirante, porque o teatro é o contrario. Durante as funcións ninguén vai facer sexo aos baños, o cal supón un factor de contaxio importante nas discotecas.

Que teñen as Noites de Retranca para seren o espectáculo de comedia máis lonxevo de Galicia?

Que bonito iso que acabas de dicir de “lonxevo”! Porque os promotores puxeron “antigo”, e nunha cidade como Vigo na que só gusta o moderno, é unha palabra moi mala. Podemos dicir: “Celso Sanmartín é o narrador troglodita máis moderno de Europa!”, esa si que é unha frase publicitaria boa, non “o espectáculo máis antigo”. Foi unha aposta para dicir que aquí había unha cultura e unha industria do humor. Presumimos do noso produto de comedia e logo os mercamos de fóra, polo que Noites de Retranca foi unha plataforma para que a xente puidese ver que o humor feito no país é multitudinario. Grazas a isto pasamos dos bares aos teatros.

Que outros cómicos da terra son do teu agrado?

A referencia é Carlos Blanco e Oswaldo Digón. No tema da narración está moi potente a nivel internacional Paula Carballeira. Evidentemente a gran esperanza, o crack, é Touriñán. Como se di en termos futbolísticos non falla unha, sempre que a colle é gol. Eu creo que Mofa e Befa foron os que propiciaron este tipo de humor. Tirei máis da miña xeración, dos novos non falei, que se jodan e se promocionen eles (risos).

Ademais da comedia, tamén te sintes cómodo noutros ámbitos como contacontos para adultos e no teatro, mesmo adaptando a autores clásicos estranxeiros á nosa lingua. Non é moi habitual isto.

REVISTA ABRIL

O tema dos autores clásicos está inspirado nun pobre que vin en Madrid pedindo na terraza de Chicote, e un señor que estaba na terraza dixo “eu pago impostos para que a xente como vostede teña para comer” e el respondeulle “pero a todos nos gusta comer fóra da casa algunha vez”. Unha cousa son os alimentos básicos pero eu creo que todo o mundo ten dereito a un Skakespeare ou un Bertolt Brecht de vez en cando. Faise con dificultade porque son unhas producións que levan un certo compromiso económico pero ímolo conseguindo. E como narrador pois estás nun xénero intermedio entre o contacontos e o humorista. Celso por exemplo podería contar historias moi tristes, pero prefire non facelo porque a xente non quere iso. O drama é para os de vinte anos, a partir de certa idade xa non che interesa porque o estás vivindo.

Como tantos outros eventos, o Festival Atlántica cancelouse por mor da covid. Sabes se vai retomarse nalgún momento deste ano?

Non estou moi ao día pero penso que non se vai facer. O que si haberá serán actividades ligadas ao festival durante todo o ano, entón haberá actuacións puntuais coa etiqueta de Atlántica. Faremos como o Festival de Aviñón (risos).

25xul20:30Noites de RetrancaESPECTÁCULOS | Desde 17,00€20:30(GMT+02:00) Mar de Vigo

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.