CAMELIAS MASCOTAS

As recomendacións de cine dos lectores de A Movida e do crítico Miguel Anxo Fernández

O outro día lanzamos nas nosas redes sociais unha pregunta: que película nos recomendades? Todo vale, novidades dos últimos meses, clásicos imperdibles, filmes de realizadores vigueses e galegos…. Foi esperanzador ver a gran presenza de cinema galego entre as vosas respostas, ademais doutros interesantes filmes internacionais. Aquí vai a lista completa, que quixemos completar coas recomendacións do crítico Miguel Anxo Fernández.

PELÍCULAS GALEGAS

Ons. Alfonso Zarauza
A recomendación máis repetida tanto por stories como comentarios foi a recente estrea de Alfonso Zarauza. Este thriller está protagonizado por Morris, Melania Cruz e a propia illa do arquipélago atlántico, que vai modelando o caracter dos anteriores. De momento, no podemos vela en nigunha plataforma dixital.

O que arde. Óliver Laxe
O gran éxito do cinema galego en 2019 segue presente nos pensamentos dos nosos lectores. O filme que deu a coñecer a Oliver Laxe ante o gran público colleitou dous Premios Goya, o galardón Un certain regard do xurado de Cannes e alzouse como a mellor película nos premios Gaudí e Mar del Plata. O que arde aborda o tema dos incendios forestais en Galicia desde unha naturalidade propia do documental. Podedes vela de xeito gratuíto na plataforma Galicia Le.

A lingua das bolboretas. José Luis Cuerda
A pesar de ser estreada hai xa máis dunha década, a adaptación cinematográfica de Jose Luis Cuerda da novela de Manuel Rivas foi unha das recomendacións máis repetidas. O filme sitúanos nunha aldea galega en 1936, momento no que estala a guerra civil española e un mestre cambia o modo de percibir o mundo dun neno. Aqueles que aínda a teñan pendente, poden atopala en Amazon Prime.

Reboiras, acción e corazón. Alberte Mera
O único documental desta lista, realizado polo director vigués e colaborador da revista Alberte Mera. Durante a súa metraxe mestura declaracións e materiais de arquivo con escenas ficcionadas para realizar un retrato audiovisual de Moncho Reboiras, última vítima do Franquismo en Galicia.

María Solinha. Ignacio Vilar
Como vos adiantabamos na revista de outubro 2019, o ourensán Ignacio Vilar dirixiu aquel ano esta película centrada na figura da coñecida canguesa acusada de bruxería pola Inquisición no século XVII. O filme foi estreado en Redondela no verán de 2020 e tivo unha escasa traxectoria de proxeccións por pantallas ao aire libre arredor de Galicia.

Lúa Vermella. Lois Patiño
Do último filme de Lois Patiño xa o contamos todo neste artigo e tamén formou parte do noso “Top 10” de películas viguesas do 2020. Un filme que encandilou aos fans do Novo Cinema galego (incluído o dramaturgo e crítico Ernerto Is, autor desta recomendación nas nosas redes) cunha estética suxerente, imaxes hipnóticas e ritmo pausado e que se desenvolve nos concellos de Camelle e Lemos. Tamén teremos que espertar á reapertura dos cinemas para vela, pois non a temos dispoñible online.

PELÍCULAS INTERNACIONAIS

No apartado internacional, os seguidores de A Movida apuntaron The assistant (Kitty Green, 2019), enlazada co movemento #MeToo e os abusos de poder nos dominios de Hollywood; Soul ( Pete Docter, Kemp Powers, 2020), o último taquillazo de Pixar sobre as aspiracións dun músico de jazz, dispoñible en Disney+; e The Prestige (Christopher Nolan, 2006), estreada en España como El truco final conta a rivalidade entre dous ilusionistas no século XIX, con David Bowie interpretando a Nikola Tesla (dispoñible en Netflix); The Guilty (Gutsav Möller, 2018), filme dinamarqués rodado nunha soa localización cun elenco reducido a un actor e tres figurantes, dispoñible en Filmin; e Caras y lugares (Agnès Varda e Jean Rene, 2017), inspirador documental protagonizado pola mítica cineasta Agnès Varda e o fotógrafo JR, que percorren pequenas vilas de Francia realizando murais e falando cos seus habitantes (dispoñible en Amazon Prime Video).

AS RECOMENDACIÓNS DE MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ

Ademais de querer coñecer as vosas recomendacións, tamén lle pedimos ao crítico de cine Miguel Anxo Fernández, unha das persoas con maior coñecemento da materia no país, que nos fixese unha pequena escolma de filmes: un galego, un español, un recente e un clásico.

REVISTA NOVEMBRO

De cine galego escollo dúas ONS, de Alfonso Zarauza, e A ILLA DAS MENTIRAS, de Paula Cons. Dous dramas, dúas maneiras singulares de entender a paisaxe, as cores, os sons, e mesmo do papel protagonista das mulleres e da procura dunha estética ben apegada ás nosas esencias.

Dentro do cine español, LAS NIÑAS, de Pilar Palomero, sobre guion propio ademais de debutante é un filme dos máis refrescantes do cine español recente. Nun colexio dos primeiros 80´, a amizade de dúas nenas procedentes de ambientes distintos e as descubertas da adolescencia. Moi ben filmada, equilibrada, honesta, en fin…

De cine de fóra MANK, de David Fincher. Non tanto porque sexa un grande do cine actual, como pola incisiva, descarnada e brilante crónica do Hollywood clásico recreando a peripecia do guionista Herman Mankiewicz (maxistral Gary Oldman) con Orson Welles para a escrita de “Citizen Kane”.

Nos clásicos GRUPO SALVAJE, Sam Peckimpah, 1969. Filme monumental, máis alá de western referencial na muda do xénero, é unha desgarrada crónica sobre a amizade, a traizón e os “vellos tempos” que xa nunca retornarán, cun guion modélico de Wallon Green, trufado de diálogos memorables.