CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

‘Aquel singular Cine Odeón da rúa Urzáiz…’ por Miguel Anxo Fernández

Hai un libro impreso en 2012, capital polo seu rigor para o coñecemento do que foi a historia (e tamén o presente) da exhibición cinematográfica no noso país, con especial incidencia nos valores arquitectónicos dos centos de espazos que se abriron nas catro provincias galegas desde finais do XIX. En Vigo foi en 1897, cando o Tamberlick ofreceu as primeiras proxeccións na cidade, aínda que este xa funcionaba como espazo para espectáculos desde 1882. O modélico libro é Cines de Galicia (Fundación Barrié) e os seus editores foron José Luis Cabo Villaverde e Jesús Ángel Sánchez García.

Un dos que aparecen nas súas páxinas é o Cine Odeón, levantado na rúa Urzáiz, facendo canto coa rúa Magallanes, e inaugurado o 12 de outubro de 1917 cunha obra teatral a cargo da compañía do director e actor catalán Ernesto Vilches. Foi o seu promotor Ángel Núñez García, que na súa solicitude ao concello vigués, pedía licenza «para construír un pavillón dedicado a espectáculos públicos»[1], e as obras comezaron en xullo de 1916. O citado Sánchez García afirma que os planos debéronse ao arquitecto francés Michel Pacewicz, que tamén trazara os do Salón Cinematográfico Royalty -que desde 1937 pasou a chamarse Cinema Vigo-, e «según la memoria del proyecto se trataba de un local rectangular de 40×18 m., cuyo aforo alcanzaba las 794 localidades, repartidas en 503 asientos de Preferencia y 291 de General»[2].

Suliña o mesmo historiador que tería algúns engadidos como una tribuna superior e mesmo palcos por mor das funcións teatrais. O Odeón, que pasaba a ser o sexto local que funcionaba na cidade, nun ranking que ata os tempos actuais superará os setenta, colocando a Vigo como a cidade galega con máis cines ao longo da historia, pasará a mans do empresario carballiñés Isaac Fraga, pioneiro da exhibición, que en 1948 inaugurará o xa mítico Teatro-Cine Fraga, o buque insignia do seu emporio. Ofreceu a súa última proxección en 1966. A especulación derrubouno dous anos despois. Quédannos do vello Odeón algunhas fotografías, e a memoria hemerográfica nos diarios vigueses para refacer a listaxe dos centos, miles, de filmes que pasaron pola súa pantalla. Tamén a lembranza, aínda viva, de moitos vigueses que pousaron nas súas butacas.

CAMELIAS NADAL

[1] Recollido en CINES DE PONTEVEDRA. DOCUMENTACIÓN EN ARQUIVOS PÚBLICOS, de Hueso Montón, Ángel Luis; González Rodríguez, Xurxo; Martín Sánchez, Rita, Hueso Montón, Ed., Santiago de Compostela, 2013, p.353.

[2] CINES DE GALICIA, Cabo Villaverde, José Luis; e Sánchez García, Jesús Ángel, Fundación Barrié, 2012, p. 100.

Por Miguel Anxo Fernández

[Esta entrevista pertence á revista A movida de Outubro de 2018. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]