VIALIA
REVISTA NOVEMBRO

‘Pacewicz na desmemoria’ por José A. Martín Curty

Se algún deseñador marcou a imaxe arquitectónica de Vigo no que constitúe a perla do seu ensanche, é dicir, a contorna do eixo de Policarpo Sanz, García Barbón e a Alameda da Praza de Compostela, ese non é outro que Michel Pacewicz. O aire cosmopolita do centro vigués é froito da súa fulgurante actuación entre 1897 e 1915.

            O icónico Edificio El Moderno, na Porta do Sol, é unha das imaxes viguesas máis reiteradas en carteis, documentais e postais. Todo un emblema arquitectónico da cidade, directamente emparentado con edificios moi similares que se erguen nas grandes avenidas da Cidade da Luz. Coa chegada de Pacewicz,creouse un firme lazo estilístico entre a nosa cidade e París. Pero non é só El Moderno. Na Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO), como bo ecléctico, asumiu a estética neomedievalista, con detalles ornamentais  bizantinos que evocan directamente a outra icona parisiense: a Basílica do Sacré-Cœur, de  Montmartre. Optou por un radical neogótico na Casa Yáñez, situada na Alameda, cuxa espléndida galería evoca o estilo de grandes arquitectos franceses do  XIX, como Violet le Duc ou Paul Abadie. Por non falar dos dous primeiros cinemas estables vigueses: o Salón Cinematográfico Royalty e o Cine Odeón, os dous derrubados na orxía destrutora dos anos setenta. Eran dous edificios coa referencia directa dos primeiros cinematógrafos de París, cun aquel frívolo, que viviron en primeira fila o nacemento da nova arte do século XX.

            A pesar do selo que deixou Michel Pacewicz en Vigo, tras o seu falecemento, en 1921, a súa memoria caeu ingratamente no esquecemento. Nin sequera podemos saber onde foron dar os seus restos. Un pano de ignorancia caeu sobre o deseñador do Vigo central. Ata o seu nome e a súa nacionalidade foron borrados da memoria cidadá. Mentres Jenaro de la Fuente, Manuel Gómez Román ou Antonio Palacios eran citados, encomiados e homenaxeados, Michel Pacewicz quedaba no pozo da desmemoria.  Os motivos deste ingrato desacordo podemos agora interpretalos, pero non debería caber a menor dúbida de que merece unha reivindicación na inminente centuria do seu pasamento. Malia os inconvenientes que nos asexan nestes atribulados meses, o Instituto de Estudos Vigueses (IEV) emprendeu este labor: un ciclo de conferencias sobre a súa influencia, a reedición ampliada da biografía Pacewicz, arquitecto vigués e, finalmente, coincidindo co centenario, unha exposición centrada na actividade que mantivo como arquitecto.

            Prestaron interese uns bos veciños que, con iniciativa e financiamento propios, van alumar a icónica fachada do Edificio El Moderno. Non ocultarei que constitúe para min, como biógrafo do benquerido Michel, todo un orgullo persoal ter contribuído no que me foi posible ao labor de recuperación da súa memoria, da que é merecente.

Para cando unha rúa do Arquitecto Pacewicz?  

Por José A. Martín Curty
Doutor arquitecto

[Este artigo está publicado na revista A Movida de novembro de 2020. Podes consultala na versión dixital ou facerte con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución. Se queres aproiar o noso proxecto e comezar a recibila na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]