CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

Martín Codax e o Día das Artes Galegas

Álvaro Cunqueiro, o escritor con alma de mazá, gustaba da Relación de algunas casas y linajes del Reino de Galicia (ca. 1500). O autor, Vasco da Ponte, narra a xénese das estirpes nobiliarias. A lectura retrotráenos ao medievo cando Europa nos coñecía polo dominio relixioso, político, artístico… Volver a vista a ese tempo non xera saudades. Ninguén devece por tebregosos capítulos. Ao inferno co feudalismo e leis «de soga e coitelo». Mais este anaco da biografía en man común ponnos unha herdanza que cómpre non só lembrar en libros mortos senón pra termos exemplos de cultura brillante, coma lentes dun faro mareiro.

CAMELIAS NADAL

Velaí a colección de mosteiros, que abundan alén da Ribeira Sacra. Un redúcese ao mínimo ao entrar na igrexa de San Rosendo (Celanova) ou apalpa as voces cantariles na cripta de Carboeiro (Silleda). Tamén os castelos (de Vilasobroso até Palas de Rei) derrubados polos irmandiños e voltos refacer. Mais adoita esquecerse o patrimonio textual dos cartularios, pergamiños, misais… Toda esa literatura en galego e latín, esplendor da arte galega. O Pórtico da Gloria representa o sublime. Que marabilla esculpida no vento! O Mestre Mateo, o Santo dos Croques que comparte xeneroso a intelixencia coas frontes magoadas —que sabia é a cultura popular!—, autorrepresentouse axeonllado nos cimentos do pórtico. Un xesto tan ousado coma vaidoso. Pro ademais asinou no lintel o día en que puxo fin a obra: 1 de abril de 1188. Por iso a Real Academia Galega de Belas Artes, a partir da iniciativa lanzada polo colectivo A Nave das Ideas en 2011, fixou nesa data o Día das Artes Galegas. A pedra tornouse corpo como a letra voz. Velaquí emerxe Martín Codax, paisano do Mateo e case coetáneo. Esta era a Galiza dos séculos XII e XIII. O pergamiño Vindel é pras letras o que o Pórtico da Gloria pra escultura. Cunha excepción: o pórtico non nolo roubaron (nin sequer o Museo Británico), pro o pergamiño custódiase en The Morgan Library & Museum. O electo pró Día das Artes Galegas 2023 foi Martín Codax. O acto central celebrouse en Vigo, no teatro Abanca —denantes García Barbón e nas orixes Rosalía de Castro; repárese na depauperación progresiva—, cunha conferencia erudita de Juan Durán e coa música de Nuria de Lorenzo máis o brillantísimo amigo pianista Alejo Amoedo. Interpretaron as cantigas sobre partitura de Santiago Tafall. Beizóns!

Hoxe vivimos nun país diferente ao do medievo. Pro perdemos un poder soberano que, como Manuel Murguía repetía decote, nos permitía ter máis proxección. Hoxe até se nos prohibe bater na cachola do Mestre Mateo. Quen sabe, será que vivimos máis aloulados ou narcortizados. Pro algo máis se remove nos meus miolos. Na cultura popular o 1 de abril é tamén o Día dos Enganos: «no primeiro de abril van os burros onde non deben ir». Sería o Mestre Mateo un carallán para escoller xusto ese día?

Xurxo Martínez González