CAMELIAS MASCOTAS

The Soul Jacket celebra o Nadal cun dobre concerto

Unha das bandas con máis sona da cidade, The Soul Jacket, négase a pasar este Nadal de brazos cruzados. Por iso mesmo, este venres 18 teñen programado un dobre concerto no Auditorio Municipal do Concello, cun pase ás 18:00 e outro ás 20:30. Unha boa forma de ir despedindo este 2020 tan estraño, con música de calidade e de noso. Podes mercar aquí as túas entradas.

The Soul Jacket, con Toño López ao frente no medio | Rocio Cibes (Galicia Emerxe)

The Soul Jacket é unha banda de rock nada en Vigo en 2011. Iso si, dicir só rock é quedarse na superficie, xa que o seu estilo é unha amalgama de xéneros tales como o soul, americana, folk, psicodelia, blues ou country. Unha banda única que colleita éxitos alá por onde pasa mais, como para tantas outras bandas, este ano non está a ser do máis doado: “foi como unha montaña rusa”, comenta Toño López, vocalista da banda. “O ano comezaba ben, mesmo tiñamos pensado sacar o novo disco, con todo o que iso conleva: presentación, promoción, xira…”

Pero chegou marzo, e pasaron de “ter todos os plans do mundo a ter a axenda baleira”. Foron meses complicados e de moita incertidume nos que semellaba que era “o fin da música en directo”. Afortunadamente, o verán trouxo algúns concertos e festivais que serviron de oasis nesta desolada travesía. “Tivemos sorte de poder tocar bastante tal e como estaba a situación”, sinala con optimismo.

REVISTA NOVEMBRO

Como non todo van ser malas noticias, este parón obrigado serviulles para pulir aínda máis o seu novo traballo, que en realidade serán dous: “fixemos tantas cancións que temos material para dous discos, que penso serán moi potentes e que aínda estamos a gravar. O primeiro, aínda non sabemos cal, sairá entre marzo e abril, para poder xirar con el en verán, confiando en que xa se poidan facer máis cousas”. Un deles xirará arredor dun tema central e o outro será máis “á vella usanza”, mais ambos contarán con cancións nas que explorarán o mundo dos sintetizadores, “pero sen volvernos tolos”.

É difícil para o vocalista dicirnos se estes dous elepés serán continuístas respecto aos anteriores traballos, xa que o selo de identidade da banda é o eclecticismo: “o estilo nunca estivo moi definido, é a nosa principal característica. Fagamos o que fagamos sempre soa a nós, esa é a parte boa”. Estes novos temas serán os protagonistas dos concertos do venres 18, tanto no pase das 18:00 como no das 20:30. Pases que por certo non van compartir a totalidade do repertorio, polo que se es un gran fan da banda podes facer doblete.

Toño non quixo deixar pasar a oportunidade de destacar a importancia das salas para unha banda como The Soul Jacket: “os festivais están moi ben, pero non son nin a metade dos concertos que facemos ao ano. Nós somos xente de salas, dannos a vida, polo que se elas non arrancan vai ser difícil seguir o curso normal do ano”.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.