REVISTA OUTUBRO

Carlos Núñez celebra San Patricio cun concerto virtual

O vigués Carlos Núñez, o músico folclórico máis importante de Galicia, celebrará por todo o alto o día de San Patricio, data sinalada para todos os amantes da música celta. Baixo o nome de Celtic Beethoven, o vídeo-concerto estrearase este mércores 17 e estará dispoñible un mes para toda aquela persoa que merque a entrada.

Carlos Núñez no alto do Castro, en 2019 | P. Vázquez

Carlos Núñez fixo ao longo destes anos a súa selección entre máis de 200 melodías tradicionais irlandesas, escocesas e galesas, arranxadas por Beethoven, a principios do século XIX e propón unha nova forma de interpretalas, respectando as harmonías en que está a xenialidade do compositor, pero devolvéndolles o ritmo, a ornamentación ou os timbres que lles dan a riqueza en música tradicional, así como recuperando algunhas das letras orixinais en linguas celtas.

Núñez gravou o que será o seu primeiro concerto a demanda en liña, que se lanzará o 17 de marzo e estará dispoñible un mes, o que duraban aproximadamente as xiras, aínda que a un prezo moito menor que un concerto presencial, 10 euros. Unha vez comezada a reprodución, dispoñerás de 24 horas para gozalo as veces que desexes.

Acompáñanlle dúas mozas músicas galegas, a pianista, clavecinista e intérprete de fortepiano residente en Basilea Rosalía G. Lasheras e a pianista Noemí Salomón. Sumáronse tamén a arpista bretoa afincada en Compostela Bleuenn Le Friec, colaboradora da Real Filharmonia de Galicia, así como dous dos seus membros, o seu concertino, o norteamericano James Dahlgren e o cellista galego Millán Abeledo.

Non puido viaxar pola pandemia a cantante e violinista Maria Ryan, que participou desde Irlanda, pero si outros membros do grupo de Carlos Núñez como o seu irmán Xurxo á percusión ou Pancho Álvarez ás cordas, así como o violinista canadense Jon Pilatzke, que tamén é membro dos Chieftains.

O concerto filmouse en directo en varias fermosas localizacións galegas: o Gran Hotel da Toja, esa especie de Baden Baden atlántico en que ata Castelao filmou unha película; unha vangardista vivenda circular recentemente terminada polo arquitecto Alfonso Penela situada fronte ás Cíes e ao pé das construcións circulares do santuario celta do monte Facho; o tamén vangardista pavillón situado nos xardíns do Pazo de Cea; o Teatro Colón da Coruña, que alberga o Steinway considerado o mellor piano de Galicia; e xa en Madrid, no Estudio A que rexenta Alberto Sánchez, o técnico de directo de Núñez, onde se gravou ao teclista e Catedrático do Superior de Madrid, Yago Mahúgo.