CAMELIAS MASCOTAS

Tres grupos vigueses no palmarés de danza dos premios Xuventude Crea

Durante o mes de novembro estamos coñecendo os gañadores do Xuventude Crea, o concurso da Xunta de Galicia que premia o traballo de mozos entre os 16 e os 30 anos en 14 disciplinas artísticas: Artes plásticas, Banda deseñada, Cociña, Creación de videoxogos, Danza moderna, Deseño de xoias, Fotografía, Graffiti, Moda, Música, Novela curta, Poesía, Teatro, Videocreación... No palmarés atopamos a nova camada de talento galego e podemos descubrir algúns dos artistas vigueses que darán que falar nos próximos anos.

Saray, Pablo e Marta, integrantes de Mera interpretando Litost

En 2019 dous vigueses alzáranse co primeiro premio en moda e música. Este ano atopamos no podio a Mundo Prestigio e Panic Light, no segundo e terceiro posto na categoría de música; ao artista urbano Adrián Lomba Balea, co segundo premio da categoría graffiti; e a compañía Loghengrin Teatro, tamén como segundos clasificados na categoría de teatro.

Pero sen dúbida onde máis brilan os vigueses é na categoría de danza moderna. O bronce o comparten dúas formacións da nosa cidade: Estorniños e Sway, que presentaron as coreografías Cardumen e Esnaquizoume, respectivamente. O primeiro posto tamén recaeu nunha nova formación viguesa, Mera, cuxos integrantes, os bailaríns de Mediapunta Pablo, Saray e Marta, resultaron gañadores coa peza Litost. Marta Fernandez Rey é estudante no I.E.S Coruxo e unha das tres patas deste trío de nova formación que comeza a súa andadura con moi bo pé.

Como nace o trío Mera?

Pablo, Saray e mais eu nos coñecimos na escola de danza Mediapunta, onde levamos bailando uns 12 anos. Os tres e máis outra compañeira sempre tivemos moita afinidade e cando nos reunimos despois da corentena decidimos poñer en marcha un proxecto propio. Supoño que tiñamos moitas ganas de bailar xuntos. O nome puxémosllo porque era un requisito para presentarse ao concurso e vímonos moi identificados co significado de “néboa espesa que molla”.

Cal foi a inspiración para crear Litost, a peza coa que resultastes gañadores do Xuventude Crea?

É unha coreografía que xurdiu na corentena e é unha viaxe por como nos sentimos cando tivemos que deixar de bailar, meternos na casa sen case movernos, e o posterior reencontro. Litost é unha palabra checa que describe o sentimento de ser a única persoa con problemas e que os demais son incapaces de entenderte. Na coreografía cada un ten o seu propio problema, que sofre en solitario, ata que nos atopamos e vemos que xuntos podemos apoiarnos e saír adiante.

Teremos ocasión de ver Litost sobre o escenario?

De momento non hai actuacións planeadas. Tivemos a sorte de participar coa mesma peza no Encontro de Danza Gerard Collins, en Valencia. De momento pode verse online, na nosa recén estreada canle de youtube.

Que supón para vós recibir este premio?

REVISTA NOVEMBRO

É unha motivación enorme. É o primeiro traballo que facemos calquera dos tres sen axuda dos profesores, que normalmente se encargan da coreografía. Estamos orgullosos de todo o traballo feito e de que o resultado guste e transmita emocións.

Ves o teu futuro profesional na danza?

É unha pregunta moi complicada e supoño que a resposta é oxalá. Encantaríame, pero paréceme complicadísimo ter futuro na danza, especialmente en España.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.