VIALIA
bannerPicnicSesions

Xermán Bugallo (Sherchelios): “Non necesitabamos unha pandemia para reflexionar sobre as cousas importantes”

Baixo o nome Sherchelios o vigués Xermán Bugallo expresa a súa faceta musical con composicións acústicas acompañadas da súa guitarra. Aínda que o que realmente ocupa o seu tempo, e máis nestes tempos, é o seu traballo como médico, non cesa de compoñer novo material nin de participar en distintos proxectos. Desta forma, o ano pasado gañou o concurso Xuventude Crea na modalidade de música coa súa Cantiga de sal. Certame, que por certo, pecha o prazo para participar este 19 de agosto.

Xermán actuando na Cidade da Cultura en Santiago o ano pasado | Arxina Fotografía

Como, cando e por que nace Sherchelios?

Eu estaba a tocar nun proxecto cos meus amigos durante bastante tempo, pero agora mesmo está en standby xa que cada un está a vivir nunha cidade distinta. Eu tiña unha inquedanza creativa, quería plasmar as miñas novas cancións de corte acústico. Aínda que respondo eu polo proxecto, gustariame encadralo nun conxunto de ideas grupal, onde fusionar conceptos. Estou aberto a cousas.

Hai uns meses, en marzo, comentabas que che facía moita ilusión tocar en El Contrabajo porque foi onde deches o teu primeiro concerto, pero finalmente tivo que cancelarse pola covid. Xa tiveches algún concerto ou tes algunha data próxima nesta nova normalidade?

Morro de ganas de tocar. De feito tiña moitas ganas de tocar alí como dis, porque son de Vigo e foi onde toquei por primeira vez en directo coa miña anterior banda. Eu compaxino isto da música co hospital onde traballo, xa que son médico. A verdade é que estou bastante liado con este tema e non tiven tempo para organizar ou pensar un concerto nestes tempos que corren. A incerteza tampouco propiciou que isto ocorrese. Non teño datas pero gustariame presentar o meu disco en Vigo.

Xa que es médico e músico, como viviches todos estes meses a nivel persoal, profesional e creativo?

Podes imaxinar que foron e están sendo meses duros. No profesional traballando moitísimo. Quizais non necesitabamos unha pandemia para reflexionar sobre as cousas importantes da vida (risos). A nivel creativo, nos poucos momentos libres que tiven, empecei a compoñer novas cancións tras moitos meses de parón creativo. Estou a facer un crebacabezas de cancións para o próximo disco que me gustaría gravar. Teño ganas de maquetar as cancións novas, e xa sei que aínda non presentei en Vigo o meu traballo anterior, pero as cousas avanzan e hai que ir pensando en plasmar as novas cancións e adaptarse ao momento actual.

O ano pasado sacaches un EP chamado Espresso, e polo que vexo xa estás preparando o teu seguinte traballo.

Si, como dixen antes gustariame que máis xente participase neste proxecto. Nestas novas cancións gustariame meter novos instrumentos, como a mandolina ou darlle maior protagonismo á percusión. Espresso é un disco moi acústico e está moi pensado, aínda que sexa moi tranquilo. Gústame porque é moi acaído para unha sobremesa ou para un momento de calma. Estou aberto a todo o que se me vaia ocurrindo no camiño.

Ademais de ser o gañador da última edición dos Xuventude Crea na categoría de música, tamén musicaches os versos gañadores do certame Lingua de Namorar. Que opinas deste tipo de iniciativas para xente nova?

Paréceme fantástico. Levaba moitos anos querendo participar nese concurso en concreto, pero sempre que chegaba a data de finalización nunca tiña tempo. Animeime a participar na categoría de música cunha canción que tiña chamada Cantiga de sal, que fala da vida no mar. Participar foi unha alegría, e gañar foi unha alegría dobre. A raíz diso xurdiu o de musicar os poemas de Lingua de Namorar. É curioso porque xusto hai dez anos participei nese mesmo concurso e gañara un terceiro premio, polo que foi como pechar un ciclo. Foi un reto, xa que eu non coñecía aos autores dos poemas e co confinamento non puidemos quedar. Espero que gustase aos autores, foi un honor poder participar cuns textos tan bos.

En xaneiro participaches no concerto grupal que organizou Antifrágil xunto con outros moitos artistas locais. Como ves a escena musical viguesa e a que artistas destacarías entre os teus favoritos?

REVISTA ABRIL

Foi unha noite boísima. Eu agora mesmo vivo na Coruña e boto moito de menos estar en Vigo, sempre que podo vou para alí. Este tipo de ocasións son perfectas para poder reencontrarme coa xente á que admiro no musical e no persoal. Gústame moitísimo un rapaz co que estou a facer música agora mesmo que se chama Denis Carballás, ten moita creatividade e de feito no concerto de El Contrabajo ía tocar algunhas cancións comigo. Gústanme moito Inerttes ou Antifrágil, por exemplo. Intento estar ao día do que se fai en Vigo aínda que non estea alí, gústame que haxa movemento.

Nalgunhas das túas cancións o teu estilo lémbrame a artistas como Quique González. Cales son as túas influencias? 

Escoito de todo. Agora e de sempre escoitei moito a Jorge Drexler, é un dos meus referentes e unha das persoas que máis admiro. Tamén estou escoitando moito a unha rapaza de Bizkaia, Izaro, ou a Núria Graham, unha artista catalana. Intento escoitar un pouco de todo porque penso que é interesante abrir a mente de cara á composición, non ceñirse só a un tipo de canción.