Kings of the Beach: “Apetécenos dar o salto a festivais máis grandes, tipo Paredes de Coura, Primavera ou BBK”
A banda viguesa Kings of the beach, coñecidos polo seu ton irreverente, son garaxeiro e directos cheos de ‘suor e moitas hostias’ acaban de lanzar o primeiro adianto do seu próximo traballo, un tema titulado ‘Satellite’, anticipo do seu segundo disco. O grupo, formado a principios do 2013, por Adrián Rodríguez (guitarra e voz), Yago Guirado (baixo evoz) e Samuel Otero (batería) enfróntase agora a un verán de estrea sen festivais. Falamos con Guirado sobre o seu novo traballo, que considera un antes e despois na calidade e son da banda.
É un momento peculiar para publicar un traballo. Afectou a pandemia nas datas de lanzamento?
O disco xa estaría fóra de non ser pola covid. Tivemos que cambiar o plan por completo, xa que parecíanos estúpido facer o lanzamento sen poder amosalo en directo, que é onde a xente máis goza de nós. Decidimos atrasar a saída do disco a 2021 e ir liberando temiñas este ano. Ademais, temos unha sorpresa preparada para setembro. Algo co que xogar nós e o público. Non podo dicir máis.
Sacastes partido do tempo de cuarentena?
Cada un estivo á súa movida e levouno como puido. Non fixemos nada especial, pois xusto acabábamos de rematar o disco. Si estivemos traballando no outro proxecto do que formamos parte xunto a Kaixo, You can’t hide, co que presentamos unha canción durante a corentena. Tamén estivemos dándolle voltas a facer cancións en castelán e galego, pero con calma.
Aínda non desvelastes o nome do novo disco, pero pódesnos contar algo del?
Ten máis calidade en xeral. Con respecto ao anterior, o son pasou de ser garaxeiro e punkarra a un estilo máis contundente e mellor empastado. Tivemos a sorte de contar con Fran Meneses como produtor e conseguiu perfeccionar moito o noso son. Tamén a calidade do estudo era superior. Estamos moi contentos co resultado.
O voso primeiro LP, Super Awkward, Fucking Awesome non saíu ao mercado en CD, pero si en cassette e vinilo. Que vos aportan estes soportes?
Hai dous motivos. O primeiro é que o noso selo, Ciudad Oasis, non fai CD, apostan unicamente polo formato analóxico. O segundo é que, particularmente gústame moito o cassette. Sempre tiven cassettes e gústame o son e o barullo que fan. É algo vintage que aos de certa idade tráelles boas lembranzas. Ademais está o prezo, un cassette custa 5 € e nas mesas de merchan véndese moi ben.
Ese traballo anterior levouvos de xira por USA. Esperades volver con este?
A pandemia pillounos no tren a Madrid para coller o avión a Estados Unidos, onde tiñamos pechados sete bolos en Austin e dous en Nova York. Alí pensábamos facer un adianto das novas cancións e presentalo en España xusto á volta. Agora non sei ben como será.
Por que cres que enganchastes tan ben en Estados Unidos, e particularmente en Austin?
Polo tipo de festival que se celebra alí, o South by Southwest, o maior no que eu estiven ata a data. É un evento moi peculiar no que a xente da cidade celebra as súas propias festas con música en directo. Isto permíteche conseguir moitos concertos, aínda que non sexa nos escenarios oficiais. Nós non temos tantos. Lembro a outro grupo español, as Hinds, que o ano pasado tiñan ata tres concertos ao día en casas privadas. É un festival incrible.
En que outros festivais vos gustaría tocar?
Apetécenos dar o salto a festivais máis grandes, tipo Paredes de Coura, Primavera ou BBK. Este ano estábamos confirmados en O son do camiño e tiñamos moitísimas ganas, especialmente polo cambio de tamaño que supuña, que é o que buscamos agora.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024