CAMELIAS

A Escola do Rock Paredes de Coura trae a Vigo o Vira Festival

O Concello de Vigo convidou á Escola do Rock Paredes de Coura para dar concerto na nosa cidade, mais a Escola decidiu transformar este convite nun mini-festival de rock no que se xuntarán 5 escolas de música e 3 bandas para ensaios e concertos na Fundación Barrié e en Radar Estudios.

A Escola do Rock Paredes de Coura naceu en 2014, na terra do icónico Festival Paredes de Coura, contribuíndo no fomento deste xa clásico romance entre a vila e o rock’n’roll. Nos 5 anos de existencia, xa tocou nalgúns escenarios importantes como son o Festival Vodafone Paredes de Coura, onde abriron a 25ª edición, o Serralves en Festa por dúas veces, que é o maior festival de artes de Portugal, e presentado concertos en salas míticas como Casa da Música, Teatro Rivoli, Hard Club e Maos Hábitos no Porto, entre outras.

Esta fin de semana chegan a Vigo para realizar unha serie de ensaios e concertos tanto na Fundación Barrié como en Radar Estudios. Na Sala Radar, o sábado 16 entre as 21:30 e as 23:30, actuarán dúas bandas “satélites” da Escola do Rock, onde militan algúns ex-alumnos da escola courense e que estiveron en residencia para produción dun single en Decembro, os Cuckoo Let Us (Lisboa) e Wicked Youth (Paredes de Coura), e a banda de local Malboro Tigers.

O magnífico espazo arquitectónico da Fundación Barrié vai recibir á clase xigante da Escola do Rock. Serán preto de 50 rockeiros no escenario, incluíndo alumnos habituais da Escola do Rock courense, algúns músicos locais da Escola Municipal de Vigo, alumnos da Academia de Música de Castelo de Paiva e tamén músicos galegos inscritos a título individual.

Os ensaios terán lugar o sábado e o domingo na Fundación Barrié, e ao final da tarde de domingo, polas 17:00, será presentado o concerto final, precisamente titulado “ Il Gran Finale”. A primeira parte deste concerto será por parte do combo Whitebirds, do Centro de Enseñanza Musical Allegro de Vigo, e polo combo local da Escuela Laboratorio de Creatividad Musical.

Esta Escola do Rock non deixa a ninguén indiferente, pois inclúe no seu repertorio ás maiores referencias da música Rock dos últimos 50 anos, comezando en Elvis Presley, Janis Joplin, The Doors, The Who, Led Zeppelin ou The Beatles, terminando nas referencias máis actuais do século XXI como Arcade Fire, Queens Of The Stone Age ou Fucked Up e pasando por bandas como Nirvana, Motorhead ou Rage Against The Machine.

(GMT+01:00) Radar Estudios

VEGANA

(GMT+01:00) Fundación Barrié