PORTAMERICA
CAMELIAS NADAL

De cores, pedra e ferro

A Finca da Marquesa é un lugar marabilloso! A rente dun Citroën Picasso, chego á rúa do Prado Vello. Ao despregar as ás, a inercia elévame no ar e podo contemplar o parque inglés desde a altura: que vibrante emoción me provoca este mar verdoso! En suspenso, contemplo as copas deste paraíso vexetal e atraveso o teito de ramas baixando polo flanco esquerdo da estrada, onde hai un carril bici. Deixo que un home que pasea o seu cadelo me leve mentres admira os meus élitros e así vou mirando a riqueza en árbores e o inmenso espazo abovedado que crean ata que chegamos á zona inferior do parque, onde están os estanques. Apértome ben contra unha magnolia. Hai aves por todas as partes: este lugar non é seguro para min. Mirando entre os pétalos, descubro a varanda verde de metal que cerca os estanques, cos seus motivos florais e patróns espirais. Os cóbados repousados nela, a estampa de avós e netos, pan e paxaros é eterna. Admirada, vexo gaivotas novas e vellas xogar na auga e podo distinguir as diferenzas que teñen na destreza do voo. Tamén as fontes para beber chaman a miña atención pola fermosura que lle dan os ornamentos. Pasan Lorinda e Manolo. Como el leva posto un polo encarnado, deses cun crocodilo falso no peito, aí decido arrimarme para chegar ata a entrada do parque.

Apoiada no portón, observo as dúas fontes xemelgas que semellan beicer a entrada principal. Son construcións de granito pardo, ornamentadas, por suposto, con leóns e realzadas pola cor vermella, tan propia desta cidade, das flores que as rodean. Refréscome na auga e deixo atrás o meu reflexo. Pola vía principal, flanqueo primeiro o parque infantil e afástome do curso do río ata chegar ao fondo do parque inglés. Despois, subo abeirada á rúa da Canicouva, de volta ao aparcadoiro principal.

As formas do pazo son nidias, sinxelas e magnéticas. Hai moita beleza na simetría e na robustez da silueta dese templo. Entre as ameas e os merlóns parece que podo ver os vigueses de antano defendéndose dos piratas. Pero, sen dúbida, se algo é fácil de imaxinar aquí son os segredos gardados das xeracións nobres que habitaron estes muros. Descendo ata unha bóveda vexetal que conduce a unha entrada secundaria. No portón, descubro a terceira creación de metal: unha caixa do correo de fundición na que se aprecia, en sinxela e redonda tipografía, a palabra «CARTAS». Saio voando cara ao parque francés.

Desde un buxo do labirinto, sorrío porque teño diante de min o que busco: unha colección de brasóns heráldicos en baixo relevo no muro de rocha holocristalina que semella unha colección de cromos antiga. Só podo tratar de adiviñar os significados dos animais, plantas e formas que enchen os escudos. Ao final do parque francés, viro á esquerda e volvo polas roseiras da parte máis elevada do xardín, onde atopo numerosos recunchos sombríos que acollen parellas de namorados, mesmo algúns da literatura. E así, despois de pousar con malicia sobre verba «natureza» da páxina dun libro, para deixar a lectora un pouco enfeitizada, regreso á casa igual que cheguei, en coche. Desta volta nun Peugeot 307.

Xoana

[Esta reportaxe pertence á revista A movida de Outubro de 2019. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

VINA COSTEIRA
The following two tabs change content below.

Maruxa Gesto

Últimos posts de Maruxa Gesto (ver todos)