Lévame á horta
A hamburguesería vexetariana Verde Mostaza é unha boa escolla para a alimentación saudable. Neste restaurante levan o pracer dunha hamburguesa convencional ao mundo vexetal. E fano empregando produtos locais, de temporada e ecolóxicos, nutríndose de verduras frescas de Cambados nunha cociña na que non entran produtos conxelados ou precociñados. Nada máis atravesar a porta, queda atrás o ruído do centro da cidade para trasladarse a un oasis de paz nun ambiente acolledor, luminoso e verdeal. Julio I. Mosquera, o xerente, confésame que non concibe a súa vida sen plantas, por iso traslada ese amor á decoración do local e á cociña. A súa filosofía é elaborar de modo artesanal, con dedicación e mimo para cada unha das hamburguesas e gornicións que alí se serven. As horas de esforzo nótanse ao probar os seus pratos, nos que saca o máximo partido a cada combinación. Confésame Julio que este é un proxecto concibido na cociña da súa casa, con pratos de sempre e ideas innovadoras: «Non somos un local de comida rápida. Na casa, miña nai sempre foi moi creativa na cociña e todo iso fíxome arriscar nas combinacións que elaboro».
Na miña visita atopei cun concerto de guitarra dun artista local que amenizaba o ambiente e, unha vez vista a carta con tan singular banda sonora, decidinme pola hamburguesa de grelos e tetilla por ser unha combinación orixinal con dous produtos moi representativos da gastronomía do país. Resultoume suculenta, deliciosa, cun pan rústico exquisito. Un é moi esixente co tipo de pan nas hamburguesas e neste caso quedei máis que satisfeito, devecendo xa por catar o resto da gama panadeira que se ofrece: pan de espelta, de millo…
Ofrécese un menú no que cada día cambia a gornición para acompañar a hamburguesa elixida, que podemos degustar ao prato ou emparedada ao xeito tradicional. Ademais da que xa amentei, entre as miñas favoritas xa están a de cenoria con abelás ou a de pataca doce, todo un descubrimento para o meu padal. Sempre manteñen opcións veganas e sen glute e podemos pasar a recoller a nosa hamburguesa para levar, sen esquecer o tupper, para contribuír á ecoloxía e gozar do noso prato en calquera lugar.
Se es un amante das hamburguesas de toda a vida e aínda e non probaches esta opción, asegúroche que non te vai deixar indiferente neste singular horto urbano no que ata podes levar a túa mascota.
Verde Mostaza lévanos ao horto no número 6 da rúa do Parauguai.
Jack Arribas
Cociñeiro
[Esta reportaxe pertence á revista A movida de Febreiro de 2020. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]