CAMELIAS MASCOTAS

Xa se poden visionar en liña Sempre Xonxa, Continental e Urxa

O pasado mes de novembro cumpríronse 30 anos dun fito histórico para o cinema galego. Do 23 ao 26, no ano 1989, tivo lugar a estrea das primeiras tres longametraxes de ficción en lingua galega: Sempre Xonxa, Continental e Urxa.

Fotograma de Urxa, de Alfredo García Pinal e Carlos A. López Piñeiro.

O Cine Fraga foi o escenario para a posta en marcha dun fito que non tiña precedentes a nivel nacional. En tres días estreáronse tres longametraxes feitas en Galicia e feitas na nosa lingua, con fin de demostrar á sociedade que era posible facer ficción para a pantalla grande desde a nosa comunidade.

Baixo o ciclo Cinegalicia tamén se pretendía pechar un círculo iniciado anos atrás coa creación da Televisión de Galicia e convencer aos xestores públicos de que era necesario apoiar o cinema propio no noso contexto cultural.

Hai uns meses falamos con Miguel Anxo Fernández, crítico de cine, profesor de universidade e comisario daquela mostra e contounos que Vigo foi a cidade escollida para acoller o evento “máis alá do propio interese do goberno tripartito da Xunta que presidía Laxe, tamén pola tradición histórica da cidade con relación ao cine. En Vigo nacera o produtor Cesáreo González, en Vigo tiña o exhibidor Isaac Fraga o seu buque-insignia que era o Teatro Cine Fraga, e en Vigo residía Chano Piñeiro que tanto axudara a visibilizar o soño dun cinema propio desde que en 1987 comezara a preparar Sempre Xonxa. A cidade era ademais a sé da única distribuidora xenuinamente galega que operaba en Galicia, Baños Films”. Podes ler a entrevista completa premendo neste enlace.

Pasados 30 anos, o Consello da Cultura Galega, en colaboración coa CRTVG e grazas a María Luz Montes Quireza e Agallas Films, celebran esta estrea coa creación dunha web na que se poden visionar os tres filmes que ademais van acompañados de información didáctica.

Sempre Xonxa

1989 / 35 mm / 114 min / cor

Producción: P. C. Piñeiro, S. A.

Guión e dirección: Chano Piñeiro

Intérpretes: Uxía Blanco, Xavier R. Lourido, Miguel Insua, Roberto Vidal Bolaño, Roberto Casteleiro, Rodrigo Roel, Aurora Redondo, Loles León, María Viñas, Roberto Fernández, Manuel Alonso Pérez, Gisela Romero, Javier Rocha e Miguel Ángel Gómez

Sinopse:

A historia dunha muller, Xonxa, e dous homes, Pancho e Birutas, e as súas relacións desde a infancia no ano 1947 ata a súa madurez no 1986. A emigración nas dúas vertentes de éxito e miseria, a complexidade das relación humanas, as lendas que se confunden coa realidade, o alén dunha aldea que vai morrendo, perdida nos montes de Galicia. O humor mestúrase co realismo máxico, tan presente na cultura e a realidade galegas.

Ver Sempre Xonxa.

Continental

1989 / 35 mm / 100 min / cor

Produción: Villaverde Asociados

Produción executiva: Francisco Casal

Dirección: Xavier Villaverde

Intrépretes: Cristina Marcos, Jorge Sanz, Eusebio Poncela, Féodor Atkine, Alberto Alonso, Héctor Alterio, Marisa Paredes, Fernando Guillén, X. L. González, Gonzalo Manuel Areoso, Carlos Marcet, Marisa Soto, Elina Luaces, Luisa Martínez, Mónica García, Eufemia Román, María Pujalte, Eduardo Puceiro, Manuel Manquiña, Xavier Lourido, Antonio Simón, Antón Reixa, Will More, Antonio Durán «Morris», Angelita Fernández e Francisco Canco

Sinopse:

Nunha ría perdida, esquecida pola historia, o barón da mafia Gonçalves celebra o triunfo definitivo sobre as bandas rivais. De agora en diante, o dominio da noite perténcelle en exclusiva. Pero entre os seus homes xa se percibe o xermolo da nova división, dun novo conflito. Pasan longos anos. Finaliza a década dos cincuenta do século xx, no mesmo escenario enfróntanse as bandas de Ventura e Otálora, que, tras asasinaren a Gonçalves, repartiron os seus dominios, prostitución, tabaco etc. A ambición dos homes de Otálora forza a este a invadir os sectores do negocio controlados polo seu amigo de sempre.

Ver Continental.

Urxa

1989 / 35 mm / 87 min / cor

Produción: Carlos A. López Piñeiro e Xosé Xoán Cabanas Cao S.C.

Guión e dirección: Carlos L. Piñeiro e Alfredo García Pinal

Intrépretes: Alfonso Valenzuela, Laura Ponte, Raquel Lagares, Luma Gómez, Vicente Montoto, Luís Lemos, Miguel de Lira, Teresa Horro, Manuel Bouzón, Pancho Martínez, Ernesto Chao, Miguel Pernas e Salomé Lorenzo

Sinopse:

REVISTA NOVEMBRO

Tres momentos na vida dunha muller durante o século XX na sociedade galega. O seu rol está vencellado ao contorno sociocultural e á natureza, da que é preservadora e médium. No primeiro episodio, «O medallón de Urxa», prodúcese a remuda no oficio: a vella transmítelle o espírito e saberes á súa sucesora adolescente, filla única dunha casa que desaparece se ela segue outros vieiros.

A acción encádrase a comezos de século e ten como fondo o valor cultural da «casa» no medio rural. No segundo episodio, «O arcón de Petro Xesto», xa nos anos corenta, o prestixio da «casa» e das súas compoñentes é aquí o motivo central. Urxa, cómplice dun indiano do que se rumorea que agachou a súa fortuna nun descoñecido lugar, salvagarda a vida e memoria do seu amigo da infancia. Os elementos urbanos veñen incidir na cultura máxica rural. Os que eran protagonistas deixan, aparentemente, de selo. En «O ídolo de Mider», un arqueólogo provoca o desenlace dunha vella lenda narrada por Urxa. Nada muda, só que os valores e as ideas toman outras formas.

Ver Urxa.

The following two tabs change content below.

Bea Barros

Licenciada en Comunicación Audiovisual e cun afán de contar historias fixo un máster en guión audiovisual. Os derroteiros da vida a levaron a traballar no mundo da web e no deseño gráfico no que agora dedica case o 100% do seu tempo. Pero sempre sen deixar de lado a súa paixón por contar historias, xa sexa con lapis e papel ou cunha cámara polas rúas do seu querido Vigo