Dobre inauguración no MARCO coas exposicións de Jorge Martins e Eduardo Gruber
Este venres inauguráronse dúas novas exposicións no primeiro andar do museo MARCO, as do veterano artista portugués Jorge Martins e as do polifacético cántabro Eduardo Gruber. A pesar de tratarse de estilos moi diferentes, ambas teñen cousas en común: o papel como soporte utilizado, o grafito como principal ferramenta, o debuxo como técnica e o gusto polo branco e negro. Sendo dúas mostras independentes, a de Martins máis poética e a de Gruber máis prosaica, ambas manteñen un diálogo que consegue que a unha se complemente coa outra. Estarán dispoñibles ata o 5 de xaneiro do 2020. | Fotos: Pablo V.
Eduardo Gruber (Santander, 1949) é un pintor a quen sempre tentou o debuxo e a obra sobre papel, non como bosquexo senón como obra final. Artista polifacético, ten realizado esculturas, intervencións no espazo, instalacións, escenografía (de ópera para Pilar Miró), e ten publicado varias novelas. O salón dos espellos, a súa primeira mostra en Galicia, reúne traballos recentes sobre papel nos que conviven a liña, o texto e a grafía. Arranca cunha reflexión sobre o azar, ese fino espello que separa ou une realidade e fantasía, violencia e placidez. Faise especial fincapé na relación entre literatura, pensamento e imaxe, tan presente na súa obra como a paixón pola metáfora.
A exposición péchase cunha serie, Femme fatale, na que, a partir dunhas fichas policiais que lle chegan case por azar, Gruber actualiza retratos e suxire novas vidas, traspasando o espello da realidade. Femme fatale-amores platónicos é unha serie de nove obras de 180×150 cm realizadas sobre papel con técnica mixta (acuarela, carbón, grafito ou colaxe) que une, neste caso, o seu traballo como artista plástico ao de escritor “oculto”. Nove relatos curtos que acompañan dunha forma indivisible a cada unha das obras ata formar un todo. Para a súa realización, houbo dous únicos condicionantes de xeito que o relato se cinguise conceptualmente á idea xerminal: o nome e a imaxe fotográfica do rostro de cada unha delas.
A exposición Jorge Martins. Sombras e paradoxos supón a grande presentación individual que se dedica no noso país a un dos nomes referenciais da plástica portuguesa do último século. Aos seus setenta e nove anos, e en plena actividade creadora, Jorge Martins (Lisboa, 1940), chegou a converterse nun referente interxeracional, profundamente respectado e alleo ao vaivén das modas.
O debuxo, disciplina antano “secundaria”, mesmo subsidiaria, vive no presente un momento feliz, de renovado interese tanto nos aspectos conceptuais que implica como nos procesuais e formais, e na figura de Martins atopa un nome ineludible á hora de recapitular sobre os seus logros e límites históricos durante a segunda metade do século XX, pero tamén en canto á liña de horizonte que a rodea no noso presente estético. Todas as obras foron seleccionadas individualmente polo comisario Óscar Alonso, quen realizou unha mostra non cronolóxica que serve a modo de “grandes éxitos” das seis décadas que leva Martins en activo.
Dous aspectos que cómpre salientar da exposición de Jorge Martins no MARCO son, por unha banda, a inclusión dos seus cadernos de apuntamentos, que se mostran en primicia, e nos que o artista anota pensamentos, bosquexos e ideas para debuxos e pinturas. Por outra, a presentación dunha publicación (un libro de artista co que o MARCO inicia unha colección) que recolle, por vez primeira, a súa obra literaria, precisa e poética ao mesmo tempo.