VIALIA
REVISTA MARZO

Un outono de exposicións da man de Afundación

Afundación xa ten preparada a súa programación expositiva para este outono, aínda quedan por definir as datas concretas e as cidades nas que poderemos ver cada unha das mostras. As propostas abranguen desde novas miradas arredor do cómic e a ilustración contemporánea, ata unha retrospectiva sobre o relevante labor gráfico de Castelao ou o retrato fotográfico da afectación da COVID-19 na vida cotiá. Todo isto será a partir de setembro.

Vivir o mar

A mostra de fotografías de Philippe Plisson, organizada en colaboración con Lunwerg Editores, está formada por 35 paneis, entre imaxes e texto, articulados en 7 seccións. As emblemáticas fotografías son o resultado de vinte e cinco anos de traballo en cincuenta países diferentes. A forza e a beleza das instantáneas axudan a sensibilizar sobre o estado dos mares e océanos, e convidan a adquirir un compromiso coa conservación do medio mariño, orixe e sustento da vida no noso planeta. Da súa vitalidade e conservación depende o mantemento de todo canto existe no mundo.

Esta homenaxe ao medio mariño, e a todas aquelas persoas cuxo medio de vida depende del, ilustra tamén o compromiso da Obra Social de ABANCA coa promoción dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, en concreto, o 14 (Vida submarina), o 13 (Acción polo clima) e o 4 (Educación de calidade).

Galicia en vilo

A exposición apóiase no traballo de varios fotógrafos profesionais galegos para abordar desde a súa mirada, persoal e profesional, distintos aspectos do tempo de confinamento e das súas repercusións en todos os aspectos da nosa sociedade: novas relacións, novas formas de traballar, de aprender, de comprar, de facer deporte, de xogar… E todo iso sen perder de vista a crise sanitaria e o recoñecemento ao gremio de sanitarios e a todas as persoas cuxo labor é esencial neste período.

A mostra de fotografías estará acompañada por textos e reflexións da escritora e articulista Inma López Silva sobre o confinamento. Un mesmo tema abordado desde linguaxes diferentes e complementarias.

Castelao grafista

«Castelao grafista» amosa a súa evolución neste campo, tanto estilística como teórica. Unha selección rigorosa de obras permite comprender o seu progresivo compromiso ético, social e político, pero tamén os seus recursos plásticos e como culmina a definición da súa linguaxe no encontro entre texto e imaxe: desde as colaboracións en revístaa Vida Gallega ás ilustracións nas que o texto adquire un protagonismo ascendente que sintetiza en colaboracións que, baixo o título xenérico de Cousas, poden ser vistas como propostas humorísticas pero tamén como reflexións de fondo social. A progresiva politización de Castelao vese reflectida nos carteis e as colaboracións da década de 1930 e, dun modo moi especial, nas Estampas de guerra.

Banner A Movidiña

Cromática. III Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea

Esta terceira edición xira arredor da cor como elemento expresivo e sinal de identidade de diferentes culturas. Nesta nova edición, o obxectivo reside en fomentar a internacionalidade e repercusión da mostra mantendo a aposta por artistas de primeira liña e por outros emerxentes. Para iso, optouse pola inclusión de novos contidos e formatos (tendencias actuais) facendo fincapé nos soportes tecnolóxicos, especialmente no sector do videoxogo, por exemplo Microbian, pensado para móbiles e ilustrado polo artista galego Alberto Vázquez, gañador de tres premios Goya polas súas películas de animación. O videoxogo alcanzou as 300 000 descargas na súa primeira semana de lanzamento.

Sacrificio e ascensión. Quince anos de cómic de David Rubín

Unha exposición que percorre de maneira antolóxica as diferentes etapas, influencias, series, desta gran figura da ilustración. Partindo dos seus primeiros traballos en Galicia, para acabar cos últimos no mercado americano. David Rubín (Ourense, 1977) é un dos historietistas españois máis recoñecidos nos últimos anos. É cofundador do colectivo Polaqia, formado por historietistas de Galicia. Este ano foi candidato a catro premios Eisner en catro categorías diferentes.

A mostra presenta unha ferramenta de realidade aumentada, grazas á cal o visitante poderá, a través do seu dispositivo móbil, ver a sucesión de capas e traballos que deron lugar á obra final.