A electrónica de Baiuca e Presumido ponlle música ao solpor
Baiuca e Presumido foron os encargados de iniciar este primeiro ciclo Solpores do Museo, unha serie de concertos que terán lugar ao longo do verán na terraza da cafetería do Museo do Mar. Boa música, presenza local e un espazo de luxo son algúns dos ingredientes desta nova proposta cultural. (Fotos: Uxía S.)
Onte foi o pistoletazo de saída dos Solpores do Museo, unha serie de seis concertos dobres que terán lugar na terraza da cafetería do Museo do Mar, en Alcabre. Agás este, todos terán lugar os xoves a partir das 20:30, coincidindo co solpor en metade dalgunha das actuacións. Non é que non quedasen invitacións para esta xornada con Baiuca e Presumido, senón que xa non quedan para ningunha das outras, o que demostra o interese da cidadanía neste tipo de oferta cultural.
Baiuca é o nome artístico tras o que se agocha Alejando Guillán, tamén coñecido como Alex Casanova no seu anterior proxecto musical. Natural de Catoira, a súa música mestura o folclore tradicional coa electrónica máis vangardista, conseguindo un resultado único que está a triunfar por toda a península. Estes ritmos tan propios serviron para quecer pouco a pouco un ambiente xa de por si festivo e alegre. Foron varios os momentos nos que Baiuca deixou a sala de máquinas da súa música para demostrar a súa habilidade coa frauta ou coas cunchas. Unha experiencia peculiar a de bailar muiñeiras 2.0 co sol agochándose entre as Cíes.
A banda local Presumido xa é máis habitual por estos lares. O dúo formado por Tarci Ávila e Nacho Dafonte, tras recuperar os seus intrumentos embargados, continuan co seu ambicioso proxecto Cuatro Estaciones, un traballo formado por catro EPs lanzados ao inicio de cada unha das estacións do ano. O seu é un pop electrónico escuro e luminoso a partes iguais que bebe de bandas como Depeche Mode ou Kraftwerk. O seu concerto foi, como xa nos teñen acostumados, unha descarga de enerxía e intensidade contaxiosa perfecta para continuar a festa unha vez o ceo se puxo escuro. De feito, non é esaxerado dicir que Presumido ten un dos mellores directos da escena local, cun show preparado ao milímetro e cun xogo de luces (caseiro, por certo) moi acertado.
Se quedáchedes con ganas de máis, quí vos deixamos o resto de datas:
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024