Máis de 20 fogueiras en todo Vigo neste San Xoán
Volve San Xoán, a noite máis curta e máxica do ano. Todos os barrios e parroquias locais prepáranse para unha xornada de fogueiras, sardiñas, cachos e moita festa. En total, 25 foron os permisos que se solicitaron para prender unha cacharela, que serán revisadas unha a unha polo corpo de Bombeiros para ver se cumpren as medidas de seguridade necesarias. Neste mapa vos situamos todas estas solicitudes, mais existe a posibilidade de que algunha delas non chegue a prender.
Xa sabes a cal das fogueiras vaste achegar a noite do domingo a tomar sardiñas con pan? Os que de ben seguro van gañarse as sardiñas son os participantes na Carreira Nocturna de San Xoán que sairá ás 21:00 da praza do Rei e, tras un percorrido de case 8 quilómetros, culminará na praza do Berbés, onde os corredores poderanse unir a unha das festas de San Xoán con máis sona da cidade. A Asociación do Casco Vello ten programada unha velada de moita música, auga e por suposto lume. Un pouco máis arriba os veciños do Casco Vello Alto volven organizar unha gran sardiñada na praza do Abanico en horario de tarde. Sen fogueira pero cunha sesión vermú tamén podemos pasarnos por Freixo, onde teñen organizado un mediodía do máis movido.
En Teis semella que están a montar unha boa tamén, cun cartel protagoniozado pola banda estadounidense de rock Kiss. En Saiáns a velada estará amenizada polo dúo de versións 2con2, ademais de haber inchabeis para crianzas desde as 17 horas. A asociación As da Industria tamén ten preparado un festival para esta fin de semana, o Son da Industria, que culminará co acendido da cacharela. No torreiro de Liñares, en Canido haberá música en sesión vermú da man de Flash Back e xa á noitiña con Alberto Cunha, presentando o seu último traballo. Estes e outros moitos lugares como Matamá, Balaídos, Navia, Alcabre, Beade, o Monte da Mina, Canido, Bouzas, Candeán, Bembrive, Coruxo, Zamáns… terán, en principio, o seu propio lume para celebrar esta noite chea de ledicia.