CONCERTOS CASTRELOS
DIA DE GALICIA

Mapa con todas as fogueiras para celebrar este San Xoán

Aínda que a noite de San Xoán é o domingo, algúns barrios e parroquias de Vigo comezan as celebracións antes aproveitando a fin de semana. Deixámosvos cun mapa con todas as fogueiras e sardiñadas confirmadas ata o momento, xa que poden sumarse algunhas máis a última hora.

DESCARGA O MAPA EN ALTA CALIDADE

(Facendo click no título de cada fogueira pode consultarse o cartel completo da celebración)

SAN XOÁN BAUTISTA DE FREIXO – Venres 21 a luns 24
Festa grande en Freixo con catro días de festa e multitude de actuacións musicais para pequenos e maiores. O venres celebran unha noite de rock, sábado pola tarde actuación de Uxía Lambona y la banda molona e verbena pola noite, o domingo hai música durante todo o día, cucañas, gran fogueira e sardiñada e verbena para poñer o ramo a noite.

CASCO VELLO ALTO – Sábado 22
Na praza do Abanico non haberá fogueira pero si sardiñas e outras delicias gastronómicas, ademais estará Dj Xavi Petardpop animando a festa.

CENTRO CULTURAL E SANTA ANA DE BEADE – Sábado 22
Este ano a Asociación de veciños de Beade e a Comisión de Festas de Santa Ana aúnan forzas e celebran o sábado unha gran sardiñada, gratuíta para todos os socios e amenizada por grupos folclóricos.

ASOCIACIÓN DE VECIÑOS DE SAIÁNS – Sábado 22
En Saiáns adiántanse un día e prenderán a cacharela na noite do sábado contando coas actuacións musicais da Polémica banda dos Bebuchos.

ASOCIACIÓN SAN MAMEDE DE ZAMÁNS – Sábado 22
En Zamáns tamén fan a fogueira e a sardiñada o sábado en lugar do domingo e contan coas actuacións do grupo de gaitas Xinela e os gaiteiros Os Herdeiros dos Morenos de Lavadores.

AS DA INDUSTRIA – Sábado 22 e domingo 23
Dous días de celebración no parque de García Picher, o sábado celebran O Son da Industria coas actuacións de María da Pontragha, Bouba, Zeltia Irevire, Debajodelapalmera, Laura Lamontagne, Paula Pier e Leria. O domingo 23 instalarase a tradicional cacharela de San Xoan e haberá actuacións musicais de Blues do País e Sun Iou, ademais de sardiñas e comida vegana.

ASOCIACIÓN DE VECIÑOS DE BOUZAS – Sábado 22 e domingo 23
Dobre xornada festiva na Alameda de Bouzas coa actuación de The Liar Papers o sábado e El hechizo de Nora o domingo, seguido de gran fogueira .

BEMBRIVE – Domingo 23
A Comisión de Festas de San Brais e Santiago ten preparada unha xornada completa de actividades con sesión vermú amenizada polo grupo Pecha Cancelas, cucañas, a actuación de Xiada antes da fogueira e fin de festa con picadiscos.

MATAMÁ – Domingo 23
Na parroquia de Matamá arrancan a celebración cunha charla e paseo para recoller as herbas de San Xoán. Tamén haberá música tradicional, a actuación de Setecuncas, fogueira, sardiñas e dj.

ASOCIACIÓN NOSA TERRA DE ALCABRE – Domingo 23
Moita xente escolle as zonas pegadas a praia para celebrar o San Xoán e na parroquia de Alcabre teñen preparada unha festa á altura. Non faltarán sardiñas nin fogueira e tocarán unha longa lista de artistas entre os que atopamos Batukada Bate no Cobre e o grupo de percusión Pelepau.

ASOCIACIÓN DE VECIÑOS DE TEIS – Domingo 23
Este ano podemos gozar queimar todo o malo na fogueira que van prender no Paseo Marítimo da ETEA, aquí tamén haberá música con La Patrulla, Peter Punk Pallaso e La Buena Vida.

ASOCIACIÓN DO CASCO VELLO – Domingo 23
Unha das fogueiras con máis sona é a que organiza no Berbés a Asociación do Casco Vello, con carreira, aquelarre, moita música, lume e ata auga!

ASOCIACIÓN DE AMIGOS DO SEIXO – Domingo 23
En Beade o sábado teñen sardiñada e o domingo fogueira e festa na parte baixa da parroquia. Os amigos do Seixo organizan a tradicional fogueira que irá seguida da actuación do grupo La banda de ayer.

ASOCIACIÓN CULTURAL DE VALADARES – Domingo 23
Fogueira, sardiñas e música tradicional xunto a Centro Cultural de Valadares.

ASOCIACIÓN VECIÑAL VAL DO FRAGOSO – Domingo 23
Fogueira, sardiñas e actuación do grupo de gaitas Val do Fragoso.

SONRIAS

OUTRAS CELEBRACIÓNS:
Tamén haberá fogueiras en Candeán, no Monte da Mina, Cabral e no CRAC de Coruxo. Pola súa banda a Asociación Nós Mesmas e Avante Galicia dentro da programación do Orgullo Crítico organizan o San Xoán Transmaricabollero. Ben preto, na praia do Tombo do Gato, os amantes da electrónica teñen unha cita con Wildlife Techno.