Xa cheira a chouripán: a Reconquista quenta motores
A ansiada Reconquista xa está aquí. Esta fin de semana comezan os primeiros actos e representacións, que terán o seu punto álxido a semana que vén, entre o venres 15 e o luns 28. Malia que parte da programación está por descubrir, xa hai confirmados uns cantos eventos para toda a familia.
A Reconquista xa está á volta da esquina. Tras dous anos sen saír ás rúas (lembremos que o ano pasado celebrouse unha representación no Teatro Afundación), a festa máis popular da cidade volve a celebrarse. Unha celebración que, como contamos no artigo central da nosa revista de marzo, é obra da veciñanza do Casco Vello, que traballa durante moitos meses ao ano para manter viva esta tradición iniciada hai 25 anos. Para os máis famentos, o Retapas está a ter lugar nos bares e restaurantes da zona vella desde o 4 ata o 20 de marzo. 29 propostas para probar e repetir.
Esta fin de semana comezan os eventos ás 19:00 na praza do Berbés, onde terá lugar a representación da destitución do alcalde e da corporación profrancesa de Vigo. Ás 21:00, no mesmo espazo, a agrupación tradicional santiaguesa Carapaus acturá para os alí presentes. Seguindo no Berbés, o domingo 19 ás 12:00 tomarán a praza o grupo Monteira Danzas do Mundo, unha asociación que desde 1989 mantén vivas as danzas tradicionais e populares de diversas partes do globo. Xusto despois, ás 13:00, as tropas napoleónicas desfilarán polo Vigo conquistado, oportunidade idónea para achegarnos e dedicarlles unhas fermosas palabras como va te faire foutre!, cochon ou salaud.
Saltamos ao xoves 24, cando as rúas da zona vella serán tomadas polos máis pequenos. A Reconquistiña irá desde a Laxe ata o Berbés, con colofón de Barafunda ás 12:30 na praza. O venres 25 xa empeza a traca final, mais aínda non se coñecen os datos exactos sobre o que acontecerá. Si sabemos que a representación principal terá lugar o domingo 27, e que o día antes, sobre as 19:00 na explanada do Náutico, a banda Sniff and Crash (creadores do hit ‘Choripán’ e formada por membros de The Riggos e mais Pedro Feijoo) ofrecerá un concerto aos seus fieis.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- O libro que demostra que os anos 80 en Galicia foron moito máis que a Movida Viguesa - 29 Novembro, 2024
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024