CAMELIAS MASCOTAS

Vigocultura ofrece case 40 funcións para este outono

A fin do verán tamén trae cousas boas: volve o teatro ás salas e auditorios. Esta semana presentouse a programación para este outono de Vigocultura, que comprende 37 funcións para grandes e pequenos no Auditorio Municipal. Tras unha presentación na rúa do Príncipe a última semana de setembro, os espectáculos comezarán a principios de outubro e durarán ata finais novembro.

REVISTA NOVEMBRO
Foto da obra Soy una nuez, de Zum-Zum Teatro

O Concello elaborou unha programación “para todos os públicos” que arranca o 24 e 25 de setembro cunha función ao aire libre na rúa do Príncipe e continuará con circo, teatro, maxia, danza e monicreques. Ante a situación actual da pandemia, o auditorio da Praza do Rei terá o aforo reducido a 81 persoas, polo que o goberno de Vigo acordou programar dous pases para cada espectáculo: os venres e sábados nas creacións para público adulto e os domingos, cun función de mañá e outra de tarde, no caso das representacións dirixidas ao público familiar e infantil.

Este xoves, 2 de setembro, saen ás entradas anticipadas á venda, de maneira online no portal Giglon e presencial na Librería Librouro. De quedar billetes dispoñibles, poderán adquirirse o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo no propio Auditorio. Ademais dos pases individuais existen dous tipos de abonos: un no que poderás escoller os 5 espectáculos que máis che interesen, cun 10% de desconto e outro no que acudir aos 10 que prefiras, cun 25% de desconto.

O programa está composto por 22 compañías, que realizarán un total de 37 funcións, con 22 espectáculos diferentes e 28 días de programación que se desenvolverá durante 2 meses, desde o último fin de semana de setembro e ata o último de novembro. Dúas estreas mundiais e unha en Galicia son algúns dos moitos atractivos dunha extensa programación na que participan compañías galegas e do resto de España como Amorodio Teatro, Yllana, Voadora, Cámara Negra co Centro Dramático Galego, Sol de York, Impromadrid Teatro ou Elefante Elegante. Para consultar o dossier con toda a información de cada función, preme aquí.