VIALIA
bannerPicnicSesions

Vigocultura trae cerca de oitenta funcións ata abril

Xa coñecemos toda a programación de Vigocultura ata abril, que estará formada por 77 funcións de 24 compañías e dirixida a todo tipo de públicos. Así, afiánzase unha tempada máis a proposta cultural impulsada polo Concello, que o ano pasado atraeu a máis de 10.000 persoas ao auditorio municipal.

Imaxe promocional de Jauría, unha das obras que poderemos ver neste primeiro semestre

Cunha inversión de 150.000€, o goberno local pretende repetir e mesmo superar o éxito do anterior ano de Vigocultura, que programou no Auditorio do Concello 59 funcións de 42 compañías teatrais. Este 2020, polo de agora só ata abril, traerán 77 funcións de 24 compañías, con obras de carácter adulto e infantil. Para as primeiras o prezo será de 8€, mentres que para as segundas será de 5€. Existen diferentes descontos en forma de abonos (de 5 ou 10 obras) e para xente nova entre 12 e 18 anos.

Unha vez máis, a programación contará con espectáculos de rúa, monicreques, teatro, comedia, danza, maxia e circo. O primeiro encontro desta tempada terémolo na rúa do Príncipe o venres 31 de xaneiro, o sábado 1 e o domingo 2 de febreiro, con dúas caravanas que realizarán pases de microteatro cada 15 minutos diante do MARCO. Ao mesmo tempo, unha ruada con zancudos vestidos de época susurrarán poemas e as novidades do programa por toda a rúa.

O día 7 de febreiro comezará a programación no Auditorio do Concello, que todos os venres exhibirá espectáculos para adultos coas novas propostas de compañías como Contraproducións, Sarabela Teatro, Malasombra Producións (Premio do Público 2019), Marelas Producións, Ibuprofeno Teatro ou Producións Teatráis Excéntricas. Entre estas obras atopamos dúas estreas mundiais, como son O libro da selva, o 16 de febreiro, e Doce uvas, dúas mulleres e unha oliva, o 18 de abril. En canto a estreas en Galicia atopamos Olivia y las plumas o 19 de abril. Outra das representacións a destacar é Jauría, unha dramaturxia a partir da transcrición do xuízo realizado á Manada que poderemos ver o 13 de marzo.

REVISTA ABRIL

Por terceiro ano consecutivo, Vigocultura achegará ao público os espazos máis descoñecidos: o interior do propio Auditorio Municipal co seu Programa 3×3. Tres espectáculos se desenvolverán simultaneamente en diferentes espazos (escenario, camerinos e vestíbulo) e no que o público distribuído en grupos de 15 persoas gozarán de pezas de 15 minutos: 3 espectáculos, 3 compañías, 3 espazos para completar un espectáculo circular de 45 minutos. Esta proposta terá un custo de 9€.

A programación de primavera pechará coa celebración do Día Internacional da Danza. A fin de semana do 24, 25 ao 26 de abril poderemos asistir a 3 espectáculos moi diferentes: Alma (non é hippie), de danza vertical; Médula, de danza contemporánea e Catro, de danza para bebés.

Para os máis pequenos e as súas familias, a oferta se completa con espectáculos de circo, música, teatro e monicreques con compañías como Galitoon Muppets, Os Monicreques de Kukas, Aracaladanza, Pedras de cartón, Talía Teatro, Cía. Puntocero ou La Machina Teatro.