Vigo será protagonista na coprodución galego-portuguesa ‘Auga seca’
O Real Club Náutico de Vigo, un dos escenarios da serie, acolleu esta mañá a presentación de Auga Seca, a coprodución internacional entre Portocabo e SP-i que está a iniciar a súa rodaxe en Vigo e Lisboa. As gravacións na nosa cidade estenderanse ata o 19 de xullo en localizacións como Guixar, o Castro, Cabo Estai ou varios lugares preto da costa.
Auga seca comeza coa morte de Paulo Duarte no porto industrial de Vigo. Un aparente suicidio que non convence aos seus xefes, nin á policía, nin á súa irmá Teresa, que se muda de Lisboa a Vigo e empeza a traballar na empresa onde estaba Paulo, co obxectivo de descubrir o que pasou. Victoria Guerra, que interpreta a Teresa, explicou que “por riba de todo, é unha serie moi ben escrita, moi sorprendente”, e destacou a importancia a nivel artístico de colaborar entre profesionais de Galicia e Portugal.
Ese carácter transfronteirizo está integrado na propia trama: “é unha serie moi volcada cara ao mar, e de aí que Vigo sexa o foco principal, unha protagonista máis”, apuntou Alfonso Blanco, que tamén fixo especial fincapé no carácter “naturalista” da serie: “para nós era importante que fose verosímil, crible”. Auga seca terá 6 capítulos de 50 minutos e recolle o universo do tráfico de armas e as súas conexións co mundo empresarial. “É un thriller, e en canto thriller é unha historia que viaxa”, explicou José Amaral, director xeral de SP-i, que contou como a idea da serie os conquistou desde o primeiro momento.
A rodaxe comezou o pasado luns 27 de maio pola zona de cabo Estai, en Canido, e seguira ata o próximo 19 de xullo en localizacións como a estación de Guixar, o Real Club Náutico de Vigo, o Castro ou a estrada entre Vigo e Baiona. Das aproximadamente 150 persoas que traballarán neste proxecto, existirá unha forte presenza local tanto no equipo técnico como artístico. Ademais dos protagonistas Victoria Guerra, Monti Castiñeiras e Sergio Pazos, participarán outros actores como Eva Fernández, Cris Iglesias, Manolo Cortés ou Tacho González.
AGADIC aportou un total de 260.000€ en axudas por cumplir con moitos dos parámetros esixidos, como a calidade do proxecto, o interese cultural, a utilización do galego, a viabilidade industrial e o aproveitamento do talento local. Auga seca emitirase tanto na TVG como na RTP portuguesa, mais aínda non ten data de estrea.
Auga seca, que será filmado en galego e portugués mantendo un rexistro realista, continúa deste xeito coas producións internacionais de Portocabo, que está a piques de estrear Hierro (7 de xuño), producida para Movistar+ con ARTE France e Atlantique Productions e dirixida por Jorge Coira. A serie ten un percorrido internacional asegurado, como o demostra a entrada no proxecto da distribuidora británica DCD Rights e a venda dos dereitos de emisión da serie para Holanda, Finlandia e Europa do Leste (neste caso, á prestixiosa canle americana AMC).