CANS
GALAXIA

O Revoltallo máis ambicioso será 100% en galego

O Revoltallo cumpre 25 anos e para celebralo ofrecerá un cartaz musical 100% galego e en galego, con nomes como Skandalo GZ e Terbutalina. Terá lugar durante o 7, 8 e 9 de setembro e, ademais de concertos, tamén haberá obradoiros e actividades infantís baixo o nome de ‘Revoltalliño’.

A longo dos días 7, 8 e 9 de stembro terá lugar a edición máis ambiciosa da historia do Revoltallo, un dos festivais máis lonxevos e con máis historia de Galicia. Os concertos, núcleo central do evento, terán lugar en dous espazos moi distintos: na Carballeira do Pedregal e a cuberto no auditorio deste Centro.

O pistoletazo de saída será o venres ás 20:00 coa actuación do dúo Blues do País, formado por Iseo Agilda e Brais das Hortas. Despois deles chega o turno de The Manueles, banda de surf rock formada por Virxilio da Silva, Juansi Santomé e Chus Pazos, quenes deixarán paso a Fanfarria Taquikardia, unha das bandas
refentes do estilo balcánico e klezmer en todo o país. Para poñer fin ao primeiro día chegan os pontareanos Skandalo GZ co seu ska-punk reivindicativo, estilo nos que son unha auténtica referencia a nivel galego; e os vigueses Spoonful, banda de rock caracterizada por ter un potentísimo directo.

A segunda xornada comeza tamén ás 20:00 co concerto de Cuarta Xusta, banda de rock que naceu fai un par de anos pero que xa recorreu moitos festivais ao longo de Galicia. O trap tamén terá o seu oco co grupo compostelán Boyanka Kostova, quenes mesturan o moderno con tradicional, a musica urbana co agro. Despois deles chegan os seus paisanos Terbutalina, un dos pratos fortes do festival. A banda santiaguesa é unha referencia nisto do garage rock en galego e son unas habituais de moitos festivais galegos e nacionais (sen ir máis lonxe, este verán en O Son do Camiño). Para rematar a xornada dúas bandas de Moaña: The Lelli Kelly’s e Treintañeras Cañeras. Moito rock para pechar o sábado.

O domingo a cousa será máis relaxada co concerto de Son Trío no interior do Centro Veciñal e Cultural de Valladares, agrupación formada por Katerina Linke (piano, composición), Su Garrido Pombo (voz) e Susanna Blanco (cello), quenes tiveron unha fantástica acollida co seu proxecto Miña Almiña.

Como novidade deste ano, o festival dispoñerá dun espazo infantil (o Revoltalliño) no que poderán crear os seus propios xoguetes con diferentes elementos naturais. Ademais, o venres terán a actuación de Ce, Orquestra Pantasma e, o domingo, as de Eva Vila e o seu Carromato, os Makinolas e Maxia con Deimi. Por se fora pouco, tamén haberá obradoiros para aprender a tocar instrumentos: o baixo de blues e rock, percusión africana, efectos coa guitarra, canto e producción de música electrónica. Estes obradoiros serán no Centro Veciñal e Cultural de Valladares e totalmente de balde.

REVISTA MAIO