Vigo deslumbra no programa ‘Un país mágico’ de La 2
Onte ás 19:00 emitiuse en La 2 unha nova entrega de Un país mágico, no que o mago Miguel de Lucas percorre as diferentes cidades de España contando as súas bondades. Neste caso foi a quenda de Vigo, que contou con convidados de luxo como Pedro Feijoo ou Ledicia Costas.
Sempre fai ilusión ver a túa cidade na televisión, e sobre todo cando é por un bo motivo. Onte en Un país mágico tocou falar de Vigo e dalgúns lugares da zona como as Illas Cíes, A Guarda, Baiona ou o monte Aloia. O mago Miguel de Lucas, o conductor deste programa, encontrouse con diferentes personalidades viguesas para coñecer un pouco máis da nosa historia e tradición.
O primeiro convidado foi o xornalista Jorge Lamas, quen lle explicou por enriba a historia da nosa zona 0, a Porta do Sol, e da Praza da Constitución, onde antigamente se situaba o Concello da cidade. Tras falar das Cíes e de Julio Verne, o narrador deu paso á Colexiata, onde estaba agardando o escritor Pedro Feijoo (Vigués do Mes en decembro de 2018). Alí falou das orixes desta Igrexa e das figuras do seu interior, facendo especial fincapé no Cristo da Victoria.
A visita proseguiu co cesteiro Rubén Berto, quen foi espectador dun dos trucos de maxia do presentador. A seguinte protagonista foi Ledicia Costas (Viguesa do Mes en outubro do 2018), quen falou desde o Castro deste marabilloso lugar, ademais de retomar o tema xa mencionado con anterioridade de Julio Verne en Vigo. Vicente Caramés, responsable do Museo do Mar, abriu as súas portas para explicar a historia deste curioso lugar e dalgunhas das pezas que alberga, como unha batea ou o submarino de Sanjurjo Badía.
Aos pés do palacete da familia Pazos Figueroa (actual Instituto Camões), a construcción civil máis antiga da cidade, atópase co historiador Antonio Giráldez, que vén de sacar un libro sobre a peste en Vigo en 1598 e no que tamén fala deste peculiar edificio. No interior del esperaba Carla Amado, dirixente do Instituto, para falar de María Pazos de Figueroa, primeira muller en desenvolver a industria do bordado e dos lienzos na cidade.

A recta final do programa foi dedicada a gastronomía, onde percorreron a coñecida como rúa das ostras. Alí estaban José Rodríguez e Isabel Seoane (Viguesa do Mes en xuño de 2019) para falar deste produto e desta rúa tan particular. A última parada foi no restaurante La Marina, onde o seu responsable, Diego Rodríguez, explicoulle a historia do local e dos mexillóns. Tras un breve paso polo Teatro Afundación e o monte da Guía, Miguel de Lucas despediuse de Vigo.
Como diciamos, sempre é bonito ver a túa cidade na pantalla, pero nesta visita dunha hora bótase en falta saber algo máis da cultura do lugar, como pode ser a música, o teatro, as artes plásticas ou o cinema. Ademais, o abuso dunhas músicas estridentes e totalmente fóra de lugar, xunto cun guión manido e encorsetado, fan da visualización deste programa unha experiencia agridoce.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- O Celta e os murais, unha relación problemática: Lula Goce e Davida denuncian malas prácticas - 14 Febreiro, 2025
- Atípico Circo: malabares, equilibrios e diversión en familia - 4 Febreiro, 2025
- Vigo queda fóra do mellor da cultura galega e sitúase en último lugar a nivel estatal - 30 Xaneiro, 2025
- Domingo Villar xa forma parte do museo escultórico da Alameda - 29 Xaneiro, 2025
- Tina Estarli, acróbata do Cirque du Soleil: “O importante non é que unha persoa destaque, senón que destaque o show” - 22 Xaneiro, 2025