VIALIA
PLAYDOC

Isabel Seoane: «Gústame moito o día de Noiteboa, porque se xunta toda a xente de aquí para tomar un viño cunhas unhas ostras»

É a ostreira que queda na Pedra. Se damos unha volta pola praza, veremos que só hai dous postos nos que mercar ostras: o de Fernando, que tomou o relevo da súa tía Carmen hai uns anos, e o de Isabel. Cinco eran as ostreiras que orixinalmente se asentaron nesta praza a vender os moluscos que traían desde Arcade. Desta xeración de mulleres só queda unha, que seguiu os pasos da súa nai e da súa irmá. Agora, o artista urbano Mon Devane acaba de renderlles o seu particular tributo cun graffiti de ?? metros de altura no barrio de Coia, retratando a Isabel Seoane. Poucos días despois de se inaugurar a obra, falamos coa protagonista.

Como comezou vostede nisto das ostras?

É unha cousa de familia. Miña nai comezou sendo nova e logo empezou a vir miña irmá María canda ela, pero só nas fins de semana ou nos días en que había máis xente. Miña nai morreu nova e entón eu comecei a vir coa miña irmá. Tiña eu uns 18 anos.

E como lembra eses inicios?

Eu non sabía abrir as ostras, ensinoume ela. Desfacíaas todas ao principio, pero fun aprendendo. Xa me dicía ela, «tranquila, que isto apréndese enseguida». Viña as fins de semana, todos os días no verán, en Semana Santa, en Noiteboa…

É unha arte iso de abrir ostras…

Moitas estraguei ao principio. A ostra ábrese por abaixo, porque é a zona máis planiña. Se o fas desde arriba, podes partila.

Agora está vostede á fronte do negocio.

Miña nai xubilouse hai catro anos e morreu hai un. Cando ela se xubilou, quedei eu e collín un empregado. Os domingos xa non veño, porque quero desfrutar co meu marido e a miña familia. Pero sigo a vir case todos os días.

Non pensou en xubilarse?

Eu sigo pagando, non quero xubilarme, a min isto encántame. Se quedo na casa, estou a pensar neste sitio e non me dan pasado as horas. Ademais, aquí hai moi boa xente, moi agradable e moi educada. Quérenme todos. Tamén me deixo querer.

Vén desde Arcade para vender as ostras?

Si. Pola mañá cedo o meu fillo ou o meu home van buscar a mercancía e logo o meu marido tráeme a Vigo sobre as dez da mañá e marchamos ás catro da tarde. A partir das doce e media empezan a vir os grupos e logo chega a xente que vén a comer entre as dúas e as tres da tarde.

De onde veñen as ostras coas que traballa?

Agora as ostras veñen da depuradora de Cambados. Miña nai traía ostras de Arcade, como as outras mulleres que viñan. Ían buscalas ao mar, cos angazos, e despois viñan vendelas.

Hai máis clientes de aquí ou de fóra?

De todo. Turistas, moitísimos. A xente de aquí viña antes, agora non tanto. A min encántanme os días de Noiteboa e de Ano Vello, porque isto se enche de xente de aquí. Xente que vén de traballar fóra e volven coa familia. Encántanme eses días!

Nótanse moito os días en que atraca no peirao algún cruceiro?

Depende de onde veñan. Se veñen de Italia, comen moito. Os de Lisboa tamén… Xente de Vigo que antes de embarcar que vén comer nas ostras… Os ingleses e os do norte, xa non tanto.

Recomenda algún modo de comer as ostras?

Eu recomendo tomalas crúas, que é como máis saben. O que sabe comer ostras, cómeas crúas; o que non, pídeas á prancha. Hai quen lle bota limón e hai quen non llo quere, porque lle gusta o sabor da auga do mar.

Hai quen ten medo de tomalas crúas. É perigoso?

É raro que senten mal estando depuradas e frescas. Hai xente á que non lle asenta o marisco cru, pero é polo seu estómago.

Que pasa para non haber remuda xeracional?

Eu si que teño remuda, o meu fillo quere quedar co posto. O problema é que aquí no inverno vai un frío horroroso. Hai veces que vendemos unha caixa, se a vendemos! Co frío e a chuvia, a xente non sobe. Hai días que non pagan a pena.

Poderíanos explicar como cambiou a zona das ostras ao longo dos anos?

Antes tiñamos mesas de madeira que tiñamos que recoller e colocar cada día, tiñamos caldeiros para ir buscar a auga á Pedra… Logo colocáronnos unha fonte e despois xa puxemos as billas e foi cando nos puxeron os mostradores de pedra. Agora estamos cubertas, antes estabamos ao aire libre, traiamos un paraugas e un chuvasqueiro para abrigármonos da chuvia e do frío. Mellorou moito.

En 2013, as ostreiras da Pedra recibistes a Medalla ao Mérito no Traballo outorgada polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

Si, fomos buscala a miña irmá e mais eu a Madrid. Subín ao escenario a recibir a medalla, eramos 14 os homenaxeados e a única muller era eu, a ostreira da pedra. Marchei para alá nerviosa, porque non sabía como ía ser. Tiven que dar un discurso, pero non levei nada preparado para ler, dixen o que naquel momento me saíu do corazón.

Que lle parece o retrato xigante que o artista Mon Devane che acaba de facer nunha parede da rúa de Bueu, no barrio de Coia?

REVISTA MAIO

O retrato gústame moito, a todo o mundo lle gusta. O rapaz estivo aquí antes de facelo e foi moi amable. Estou moi contenta.

Texto: Tamara Novoa
Fotos: Pablo Vázquez

[Esta entrevista pertence á revista A movida de Xuño. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.