Pedro Feijoo: «Dedicarse á escrita en Galicia é fodido, pero pódese facer»
Chove. As pedras do casco vello desprenden melancolía, unha melancolía que tamén atopamos no ollar de Pedro Feijoo. Espera por nós sentado na terraza do bar Princesa, na praza da Constitución. Este foi, sen dúbida, un gran ano para un escritor que pode presumir, aínda que a modestia non llo permita, de vivir da literatura en galego nestes tempos nada doados. A súa mirada transmite esperanza.
Este ano publicaches dous libros moi diferentes entre si e tamén diferentes ao que nos tiñas afeitos, Camiñar o Vigo Vello e Sen piedade.
Non son escritor dun só xénero e nunca tiven intención de selo. Si que é certo que hai unha constante nos meus libros, que é a de empregar a trama para poñer en valor a nosa historia, a identidade, a memoria… En realidade, cando chegou o momento de publicar Camiñar o Vigo Vello era como calquera dos outros libros, pero sen que houbese ficción.
De Sen piedade dixeches algunha vez que é unha das túas novelas máis violentas e tamén máis persoais.
Esa novela si que ten algo diferente ás demáis. Levo escribindo sen parar desde o 2011 e todo este tempo, no plano persoal, foi unha fuxida cara a adiante: centrarme moito no traballo e esquecerme un pouco de min mesmo. A faena fai que te poidas esquecer de ti, pero os demos que levas contigo non esquecen e están á espreita cada noite. Chegou un momento no que empecei a arrastrar unha bóla de neve dentro de min coa que xa non podía, precisaba sacar iso de dentro. O xeito de darlle forma foi Sen piedade, un dos meus libros que está a recibir mellores críticas.
Dis que é o título máis persoal da túa obra, pero moitos lectores convirán en que Pedro Feijoo se achega moito máis ao personaxe de Simón que aos protagonistas de Sen piedade.
Xa me gustaría ser tan boa persoa coma o Simón. Eu, sinceramente, do Simón teño máis ben pouco, estou máis preto de ser o Aquiles aquel de A memoria da choiva ou, por desgraza, unha combinación entre o Teo e o Gordo de Sen piedade. Oxalá houbese máis simonadas en min.
En Sen piedade non está esa recorrente historia de Vigo detrás, pero si que hai unha historia agochada…
Neste título, aínda que os protagonistas son homes, de quen se fala é das mulleres. Elas non teñen practicamente nin unha palabra na novela e case non teñen nin nome. É algo intencionado co que intento reflectir a situación da muller na sociedade. Decote non nos decatamos de que as mulleres están aí, ata que nos faltan.
«Que un libro de historia local teña tan boa acollida tan boa é unha marcianada»
Agora que xa pasaron uns meses da publicación de Camiñar o Vigo Vello, como dixires o éxito que alcanzou ese libro aquí?
Que un libro de historia local teña unha acollida tan boa é unha marcianada. Porque os libros de non ficción sobre historia rara vez venden, e os libros de historia local venden no teu círculo, no círculo especializado nese tema e acabouse. Pero que ese libro esgote en menos de dous meses a primeira edición e estea a piques de esgotar a segunda, ou que organicemos un deses paseos pola zona vella da cidade e que na mesma mañá se esgoten as prazas… iso si que é unha auténtica marcianada!
Haberá máis paseos?
Todo este asunto dos paseos é algo que fago eu pola miña conta, que fago porque quero. Creo que sería bo para a cidade xerarer algún tipo de apoio para esta iniciativa. De todos os xeitos, pola miña parte hei seguir facendo isto todo o tempo que me sexa posible.
«Cando estaba na escola, as fins de semana todos os rapaces marchaban á aldea, había ese desarraigo»
Parece que entre os vigueses prendeu o interese por coñecer a propia historia…
Coido que é unha cuestión xeracional. Eu recordo perfectamente aquel discurso que afirmaba que Vigo non tiña historia, empregado por arquitectos como Portanet ou Ramilo para xustificar que se puidesen botar abaixo o mercado da Laxe, o castelo de San Sebastián e tantos outros edificios históricos. Funcionou nese momento no que a cidade estaba a crecer de golpe. Era un momento no que chegaba moita xente para traballar, xente que veu vivir a Vigo, pero que non acababa de sentirse parte da cidade. Lembro cando estaba na escola, as fins de semana todos os rapaces marchaban á aldea, había ese desarraigo, aquilo de vivimos en Vigo, pero somos de tal sitio. Pero cando todos os fillos daquela xeración medramos e fixemos a nosa vida, xa tiñamos o sentimento vigués. Ese foi o cambio con respecto aos pais. Medramos aquí e temos interese por ver que é o que hai ao noso redor. Creo que é aí onde está o cambio de paradigma, que ademais é algo que se contaxia.
De onde che vén a ti ese amor pola cidade e mais a súa historia?
Son un obsesionado da memoria, talvez porque eu son un desmemoriado e no meu día a día son bastante descoidado. Pero apaixónome por todas as historias que hai na cidade, detrás de cada edificio, detrás de cada pedra. Gran parte desta paixón débolla ao meu avó, Manuel de la Fuente. Pasei moito tempo da miña infancia con el e, no canto de ir ao parque coma o resto dos rapaces, paseaba pola cidade co meu avó. El, que foi un importante cronista e documentalista da época, contábame un feixe de historias sobre Vigo e con el ía ao arquivo municipal, ensinándome a remexer entre todos eses tesouros.
Este foi un ano moi positivo para ti. Ademais de publicar dúas novelas, as anteriores foron reeditadas, o que significa que as vendas foron moi ben, ou?
Si. Isto xa é como un milagre de Fátima. Escribir, publicar e que ademais se venda. Creo que botamos moito tempo no discurso negativo de que as cousas van moi mal e é certo que é moi difícil poder dedicarse á escrita en Galicia cando non debera ser así, pero gústame contar que eu podo vivir disto porque creo que é bo para normalizalo. Enviar esa mensaxe de que a cousa está fodida, pero que tampouco é imposible. De momento somos catro, pero se falamos máis disto, haberá máis posibilidades de que saian máis escritores que saian adiante.
Despois deste éxito, que miras tes para o ano que vén?
Despois de seis anos, por fin puiden ter vacacións, parar, coller un pouco de aire, descansar e facer cousas que había tempo que non levaba a cabo… Agora, xa con forzas renovadas, estou comezando coa preparación do que será a seguinte novela.
Entón quedamos á espera de algo novo para o vindeiro ano?
Sacar tres libros en menos dun ano é un ritmo que non se pode manter. Non estou seguro de que chegue para o 2019, pero algo hai…
Texto e fotos Tamara Novoa
[Esta entrevista pertence á revista A movida de Decembro de 2018. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Anxo Cabada, fotógrafo: «Pediría que o gasto das luces se reparta un pouco en cultura» - 3 Decembro, 2024
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024