CAMELIAS NADAL

Vigo, cidade de cor: Sax

As persoas que utilizan a miúdo as escaleiras que unen Romil con Camelias atoparán moi familiar o mural que comentamos desta volta. A autora é Sax, unha das pioneiras da arte urbana na cidade: «Empecei hai máis de vinte anos en Coia, o meu barrio. Aló polo ano 97 vin uns rapaces pintar un mural e, como me gustaba moito debuxar, pareceume marabilloso poder facelo na rúa cos colegas. Xunteime cun grupo que me animou a comprar pintura e de cando en vez ía con eles. Pero tamén me aventuraba soa, cargada cos botes no bus…». 

A peza, realizada dentro do programa Vigo, cidade de cor, ten un toque místico moi peculiar. A explicación da obra, segundo a propia artista, é sinxela: «Adoro os animais e a astroloxía, así que combinei ambos. Só quería que se vise bonito e que a xente fixese selfies coa peza, e creo que o conseguín». Pois parece que si o conseguiu. A relación coa veciñanza non se limita a facer algún selfie e cambiar de xeito radical o aspecto deste recanto da cidade. Desde o inicio da posta en marcha da obra a interacción foi continua: «Un rapaz de alí sempre me poñía música que soaba por toda a avenida. Ou unha señora que estaba toda angustiada por se o lobo lle asustaría os cativos… Adoro a miña cidade, é a máis bonita do mundo». 

O mural de Sax está situado na Avenida das Camelias, 31

Texto e fotos: Juan Teixeira

[Esta reportaxe pertence á revista A movida de Marzo de 2019. Podes consultar o número completo neste enlace. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

VINA COSTEIRA
The following two tabs change content below.
Juan Teixeira é un fotógrafo documental con sede en Vigo. Cursou estudos de Publicidade e RRPP, pero pronto se decatou de que aquel non era o seu lugar. A través dunha serie de viaxes por Sudamérica e o sueste asiático, observou que a fotografía era unha forma de relacionarse e explorar o mundo dun modo moi persoal, coma un espectador que intenta comprender o que sucede ao seu redor. Desde entón intenta comprender ese mundo que o rodea, centrándose nas persoas e as súas relacións con outras persoas, coa sociedade, a natureza e o tempo e o lugar que a cada unha lles toca vivir.

Últimos posts de Juan Teixeira (ver todos)