CAMELIAS NADAL

Vigo, cidade de cor: Ash Santos

A cancha de baloncesto do parque de Camilo José Cela, na rúa do Conde de Torrecedeira, é un exemplo perfecto de como a creatividade e a vontade poden mudar por completo un espazo público. Durante décadas, esta foi unha zona da cidade esquecida e, en certo modo, marxinal. Converteuse nunha época en punto quente do graffiti en Vigo, coas paredes ateigadas de obras. Antonio Nieto Figueroa, Leri, intentou outorgarlle unha nova vida a través do deporte; posteriormente Corina Porro, na súa cruzada en contra da arte urbana, decidiu cubrir cunha man de cemento as paredes e acabar así coa barbarie que emanaba do aerosol.

Hoxe, esta esquina da cidade está a vivir unha etapa de esplendor. Un dos culpables principais é o artista multidisciplinar Ash Santos, que ten unha relación estreita con ela: «A cancha do parque de Cela sempre me chamou a atención. Trátase dun espazo peculiar,  medio agochado, moi especial para o graffiti vigués, no que tradicionalmente se pintou. Conservaba unha canastra totalmente esnaquizada dos tempos de Leri, que permanecía alí desafiante, facendo referencia, paradoxalmente, a aquel “Vigo mellor”. Decidín intervir o espazo da seguinte maneira: conservar unha área duns dous metros e medio de alto para que se puidese seguir pintando nela, colocar oito canastras a alturas imposibles como homenaxe á canastra rota e pintar unha alegoría da loita da cidade contra os seus terribles inimigos, reais ou imaxinarios, defendida por un cabaleiro brandindo unha táboa de skate e unha espada-raio». 

Ash buscou o rexurdimento da pista, convertela nun espazo querido, con personalidade e coa interacción dos veciños. Consideramos que o acadou. Esa inclusión dos veciños na obra comezou xa desde a xestación, tal e como el mesmo nos conta: «Mentres pintaba achegáronse uns rapaces do barrio que querían xogar un partido de fútbol para homenaxear a un amigo falecido. O caso é que contabamos con oito canastras e con ningunha portería, así que lles prometín que se pasaba por alí o alcalde, eu pediría que a colocasen. Caballero veu de visita, fíxeno, cumpriu, e todos contentos. Vigo encántame, e cada vez está máis chea de vigueses, é dicir, está a xerarse conciencia de cidade, deixando de lado aos poucos ese peculiar complexo de confederación de aldeas. Boto en falta máis iniciativa fóra do ámbito institucional, máis risco e máis descaro». 

O MURAL DE ASH SANTOS ESTÁ SITUADO NA CANCHA DE BALONCESTO DO PARQUE DE CAMILO JOSÉ CELA

Texto e fotos: Juan Teixeira

[Esta reportaxe pertence á revista A movida de Abril de 2019. Podes consultar o número completo neste enlace. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

VINA COSTEIRA
The following two tabs change content below.
Juan Teixeira é un fotógrafo documental con sede en Vigo. Cursou estudos de Publicidade e RRPP, pero pronto se decatou de que aquel non era o seu lugar. A través dunha serie de viaxes por Sudamérica e o sueste asiático, observou que a fotografía era unha forma de relacionarse e explorar o mundo dun modo moi persoal, coma un espectador que intenta comprender o que sucede ao seu redor. Desde entón intenta comprender ese mundo que o rodea, centrándose nas persoas e as súas relacións con outras persoas, coa sociedade, a natureza e o tempo e o lugar que a cada unha lles toca vivir.

Últimos posts de Juan Teixeira (ver todos)