PORTAMERICA
CAMELIAS NADAL

Vigo, cidade de cor: Alejandra Tomé

A obra que fotografei para este número é quizais a que máis próxima me toca, polo menos no relativo ao aspecto físico. O certo é que as veces que subín e baixei estas escaleiras que agora fan tamén de soporte artístico son case tantas coma os concertos de Xoel López no festival PortAmérica.

Buscando información sobre a culpable da nova versión destas escaleiras da avenida de Castelao, Alejandra Tomé, o primeiro que atopo é a seguinte frase: «O seu método artístico é a miúdo automático, buscando que o que se expresa naza máis das entrañas que das ideas». Parece unha definición bastante acertada tras observar a súa obra. Porén, e aínda que poida parecer doado traballar en modo automático na creación artística, o certo que é que son contados os artistas que poden obter un resultado positivo deste xeito. Estamos ante unha delas.

Grazas a Alejandra, agora subir a avenida de Castelao por aquí é coma un xute de creatividade, un paréntese do gris, coma se as musas estivesen agardando arriba. E falando de xutes, outro artista que traballa do mesmo xeito é Robe Iniesta, que afirmou «Non controlo o que escribo. É coma se vomitase e logo mirara a ver o que hai aí». O mesmo parece que sucedeu nestas escaleiras, onde a artista trousase o que lle saíu. E o que lle saíu é algo moi bo. Non sabemos se arriba están as musas, pero cada vez que suba botarei unha ollada. Como di unha canción de Robe coa banda Extremoduro: «Y si fuera mi vida una escalera, me la he pasao entera buscando el siguiente escalón, convencido de que estás en el tejado esperando a ver si llego yo».

O mural sitúase nas escaleiras entre rúa da Quintela e avenida de Castelao.

Juan Teixeira
Fotógrafo documental e xestor cultural

VINA COSTEIRA
The following two tabs change content below.
Juan Teixeira é un fotógrafo documental con sede en Vigo. Cursou estudos de Publicidade e RRPP, pero pronto se decatou de que aquel non era o seu lugar. A través dunha serie de viaxes por Sudamérica e o sueste asiático, observou que a fotografía era unha forma de relacionarse e explorar o mundo dun modo moi persoal, coma un espectador que intenta comprender o que sucede ao seu redor. Desde entón intenta comprender ese mundo que o rodea, centrándose nas persoas e as súas relacións con outras persoas, coa sociedade, a natureza e o tempo e o lugar que a cada unha lles toca vivir.

Últimos posts de Juan Teixeira (ver todos)