REVISTA MARZO

Vigo, cidade de cor: MMPuhinger

O artista do que falamos desta volta é un auténtico vigués, dos que nacen en Redondela. A pesar de que sempre estivo atado a un lapis, non decidiu dedicarse por completo ao mundo da arte ata ben medrado. Nun impulso de afouteza, decidiuse a deixar o seu traballo de toda a vida nunha recoñecida marca automobilística que produce na cidade para cumprir o seu soño de vivir do que lle gusta. E iso é o que está a conseguir.

Marcos Míguez Puhinger é ben coñecido xa polos seus hiperrealistas debuxos a bolígrafo, que son boa mostra da súa gran técnica autodidacta (guiándose mediante libros e titoriais de YouTube!). Pero tamén utiliza outras técnicas e mesmo se atreve coa arte urbana. Seguramente xa coñezades o retrato da escritora María do Carme Kruckenberg que pintou en 2015 nun tramo das escaleiras da pequena rúa do Roupeiro, que conecta Rosalía de Castro con García Barbón. Un mural que, por certo, lle deu aínda máis traballo do debido, por mor da estúpida acción de quen se dedicou a pintar por riba, polo que tivo que ser arranxado en varias ocasións. A devandita obra serviu de inspiración para a seguinte, pintada en 2018. Tal e como explica o autor, «lendo poemas desa escritora, dei con este que acompaña o mural. Talvez o adoptei por ser eu fillo e neto de mariñeiros. Recordo ir de cativo ao porto, á espera do barco en que chegaba meu pai. Cando era pequeno e meu pai embarcaba no seu día a día, eu escribíaslle unha carta cun debuxo no reverso. De aí que este mural sexa menos realista».

Grazas a Marcos, este recanto xa non é unha pasaxe escura, senón que reborda arte. Esperamos que os imbéciles non volven facer acto de presenza para esnaquizar de novo o traballo do artista, dado que que, sen dúbida, sobran as ganas de facer mal: «Ao comezar o segundo día de traballo, vin que pola noite roubaran as rodas da estada e tiven que acabar o mural sen poder movela». Sen embargo, as forzas do ben son máis numerosas: «Os veciños xa me coñecían do traballo anterior, todos os días me traían bebidas e algún bocadillo. Incluso me facían fotos e vídeos que logo me mandaban ao móbil».

Banner A Movidiña

O MURAL DE MARCOS MÍGUEZ PUHINGER ESTÁ NAS ESCALEIRAS DA RÚA DO ROUPEIRO.

Texto e fotos: Juan Teixeira

[Esta reportaxe pertence á revista A movida de Novembro de 2019. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

The following two tabs change content below.
Juan Teixeira é un fotógrafo documental con sede en Vigo. Cursou estudos de Publicidade e RRPP, pero pronto se decatou de que aquel non era o seu lugar. A través dunha serie de viaxes por Sudamérica e o sueste asiático, observou que a fotografía era unha forma de relacionarse e explorar o mundo dun modo moi persoal, coma un espectador que intenta comprender o que sucede ao seu redor. Desde entón intenta comprender ese mundo que o rodea, centrándose nas persoas e as súas relacións con outras persoas, coa sociedade, a natureza e o tempo e o lugar que a cada unha lles toca vivir.

Últimos posts de Juan Teixeira (ver todos)