PORTAMERICA
CAMELIAS NADAL

Vigo, cidade de cor: AEC Interesni Kazki

Aleksei Bordusov é un artista ucraíno recoñecido neste eido polas sorprendentes obras surrealistas que compón. É probable que o seu nome real non resulte familiar, pero se o citamos polo nome artístico… seguramente tampouco. Pero é moi bonito e atinado: Interesni Kazki, que significa «contos de fadas interesantes». E iso é o que fai este artista nas obras que asina: contarnos historias propias de cada lugar, inspirados na mitoloxía tradicional, pero tamén na ciencia, na relixión ou na cosmoloxía.

Aleksei combina imaxes da cultura local coa súa propia visión simbólica, buscando «unha imaxe dun home universal, a pesar do tempo e da rexión en que habita». No seu paso por Vigo, el non podía facer outra cousa que buscar ese home universal a través dun conto de fadas interesante, en versión municipal. Para iso investigou sobre a historia antiga de Galicia, particularmente sobre a cultura megalítica dos dolmens e de personaxes populares do Entroido como os merdeiros, os cigarróns ou as pantallas. O resultado pode admirarse na súa xigantesca obra de once pisos de altura titulada O galego, aínda que, segundo afirma o propio graffiteiro, «non estou moi seguro do significado total da peza, pero eses temas foron os que me inspiraron para creala». Probablemente ninguén chegue a comprender completamente esta obra, pero tampouco é que sexa preocupante. O importante é que transmita e poña a traballar a imaxinación e o intelecto de quen se pare perante o muro, cousa que, abofé, consegue.

O mural sitúase na rúa de Pablo Iglesias, á altura do número 20.

Juan Teixeira
Fotógrafo documental e xestor cultural

VINA COSTEIRA
The following two tabs change content below.
Juan Teixeira é un fotógrafo documental con sede en Vigo. Cursou estudos de Publicidade e RRPP, pero pronto se decatou de que aquel non era o seu lugar. A través dunha serie de viaxes por Sudamérica e o sueste asiático, observou que a fotografía era unha forma de relacionarse e explorar o mundo dun modo moi persoal, coma un espectador que intenta comprender o que sucede ao seu redor. Desde entón intenta comprender ese mundo que o rodea, centrándose nas persoas e as súas relacións con outras persoas, coa sociedade, a natureza e o tempo e o lugar que a cada unha lles toca vivir.

Últimos posts de Juan Teixeira (ver todos)