Vegana.gal volve ao IFEVI para demostrar que a comida vegana é moito máis que leituga e “pementos de Padrón”
A feira Vegana.gal volve ao IFEVI os días 26 e 27 de outubro para demostrar que a gastronomía vegana non é so leituga, hummus e, como denunciou hai pouco a actriz Clara Lago tras a súa experiencia rodando en Galicia, “pementos de Padrón”. Podes mercar aquí as túas entradas.
As recentes declaracións de Clara Lago, recoñecida actriz e defensora do veganismo, xeraron un amplo debate nas redes sociais. Durante a súa estancia de catro meses en Galicia para a rodaxe da serie Clanes, Lago destacou a falta de opcións veganas nos restaurantes galegos, sinalando: «A gastronomía, sendo vegana, é un pouco complicada en Galicia. Farteiime de pementos de Padrón durante catro meses. En realidade, case exclusivamente comín pementos de Padrón cando saía do meu apartamento. É case o único pero que podo poñer: que exista un pouco máis de variedade para os veganos».
En resposta a esta necesidade e co fin de contribuír a un cambio, en 2021 naceu Vegana.gal, a primeira feira vegana e sostible de Galicia. Este ano, Vegana.gal celebrará a súa cuarta edición os días 26 e 27 de outubro no IFEVI de Vigo. Dende a súa creación, o seu obxectivo principal foi reunir nun só espazo todas as solucións e servizos que demanda un público comprometido co respecto aos animais, a sustentabilidade e o benestar persoal.
Aspectos destacados da feira:
– Degustacións e mostras gratuítas: Unha oportunidade para probar unha ampla variedade de pratos que demostran a diversidade e o sabor da cociña vegana.
– Charlas e demostracións culinarias: Expertos en nutrición, chefs de renome e activistas compartirán os seus coñecementos sobre o veganismo.
– Obradoiros interactivos: O público asistente poderá poñer as mans na masa para crear pratos veganos cheos de cor e sabor.
– Expositores locais, nacionais e internacionais: Unha selección de provedores que están a transformar a produción de alimentos, moda, calzado, cosmética e outros servizos, todos libres de ingredientes de orixe animal.
– Libraría e sinatura de libros: Unha coidada selección de literatura antiespecista para todas as idades, ideal para regalar nas vindeiras festividades.
– Zona infantil: Un programa completo de actividades, incluíndo o Mini Vegan Chef, pensado para os máis pequenos.
A Feira Vegana.gal experimentou un notable crecemento nas súas catro edicións, reflectindo o interese e compromiso da comunidade cara a un estilo de vida máis respectuoso co medio ambiente, saudable e sostible.