VEGANA

Vegana.gal presenta o cartel da súa edición máis artística

A cuarta edición da feira Vegana.gal contará coa participación de Laryssa Lyra, Eva Casais, Rafa Doctor e Estela de Castro, catro artistas que utilizan a arte como ferramenta para o activismo e transformación social a favor dos animais.

A feira Vegana.gal, que terá lugar os días 26 e 27 de outubro no IFEVI, Vigo, non só será un punto de encontro para a sostibilidade e o veganismo, senón tamén un espazo de celebración da arte militante e activista. O evento deste ano destaca, entre outras cousas, pola súa aposta por incorporar a arte como ferramenta de transformación social, facendo un chamamento á reflexión sobre o noso papel na protección dos animais e o medio ambiente.

A imaxe oficial da feira, creada pola recoñecida ilustradora e artista visual Laryssa Lyra, reflicte a esencia de Vegana.gal: unha feira que une tradición e modernidade, respecto pola natureza e activismo. Lyra, cofundadora do Mona Mercado de Arte de Vigo, exhibirá tamén un espazo artístico o domingo 27, onde os asistentes poderán mergullarse no seu universo creativo, que combina a delicadeza das ilustracións animais co seu profundo compromiso coa natureza.

Mural de Eva Casais para fomentar a adopción canina | Foto: Lara Alonso

Ilustradora e muralista galega Eva Casais, coñecida polos seus retratos en acuarela e murais, tamén participará na feira, creando en directo unha obra durante a feira. Esta peza, única e inspirada pola interacción co público, será subastada o domingo e as ganancias serán destinadas a asociacións e santuarios que participan na feira e dedican o seu día a día a loitar pola defensa dos animais.

REVISTA OUTUBRO

Por último, e aínda que non poidan estar presentes fisicamente na feira, o comisario Rafa Doctor e a fotógrafa Estela de Castro aportarán catro fotografías da serie Monsters for Animals. Trátase de obras únicas creadas por Doctor mediante a intervención de fotografías de Estela de Castro. Cada unha destas pezas, exclusivas e irrepetibles, estará á venda na feira e os beneficios irán directamente destinados ás asociacións animalistas e santuarios que participan en Vegana.gal, reforzando así o compromiso coa protección animal.