VEGANA

Actividades para “ver moito e saber moito” no Día do Libro en Vigo

As persoas que desexen festexar o Día do Libro dispoñen de diferentes opcións dentro da axenda cultural da cidade. Contacontos para as e os máis cativos, obradoiros infantís, descontos, un skape room con Jules Verne como protagonista ou a firma de libros de Chámame señora, pero trátame coma a un señor son soamente algunhas destas posibilidades.

Bookcrossing | MARCO

A cidade recenderá a literatura este 23 de abril. Un Skape room, contacontos, visitas guiadas, descontos e ata accións solidarias son algunhas das actividades que acolle a cidade para festexar o Día do Libro.  Unha data que conmemora a morte de autores como Wiliam Shakespeare, Miguel de Cervantes ou Inca Garcilaso de la Vega. Precisamente, un de estes escritores, o creador do famoso personaxe Don Quijote de la Mancha, sostiña que aquela persoa que le moito e anda moito, ve moito e sabe moito; accións que se poderán levar a cabo grazas a estes eventos.

Para comezar esta andaina que recomenda o escritor alcalaíno, a Biblioteca Juan Compañel prepara diversas actividades. Desde as 12:00 horas ata as 18:00 horas, organizaranse visitas guiadas e, ao seu remate, terá lugar unha sesión de contacontos na que Ana Carreira mergullará ao público en diferentes historias. Ademais, exponse “libros e cidade: rúas e relatos, camiños converxentes”.

A seguinte parada ten nome de muller. O centro comercial El Corte Inglés acolle na quinta planta a firma dos libros Chámame señora, pero trátame coma a un señor de Inma López silva ás 16:00 horas e a partir das 18:00 horas, as autoras Isabel Blanco e Luz Beloso asinarán Rosaura e o mar. Pola súa banda, no centro de Documentación e Recursos Feministas, ás 19:00 horas,  preséntase o libro Novas masculinidades. O feminismo a (de)construir o homen” de Jorge García Marín.

As nenas e os nenos tamén teñen cabida neste percorrido co obradoiro intantil do Museo do Marco A-z en xogo, a partir das 17:00 horas. Unha actividade na que se creará un particular taboleiro de xogo e fichas, utilizando diversas técnicas para, logo, crear historias a partir de letras e imaxes. De seguido, ás 18 horas, é o momento do maratón Sabidurius. Trátase dun entretemento baseado nas palabras xunto coas súas definicións, orientadas á imaxinación e á escrita.

Jules Verne deixará tamén a súa particular pegada na celebración do Día do Libro na cidade co Escape Room creado por EsKapark. O imaxinario do escritor será o protagonista de quebracabezas e enigmas coa ciencia e tecnoloxía como tema central. As mozas e os mozos que queiran participar neste circuíto de 60 minutos terán que dirixirse ata a Biblioteca Xosé Neira Vilas ás 19:30 horas.

Pero, para ler moito é preciso encher as nosas estantarías de libros. A libraría Cartabón ofrece un desconto do 10% sobre o prezo dos libros. Ao igual que os grandes almacéns El Corte Inglés. Así mesmo, o Marco súmase outro ano máis á experiencia de Bookcrossing, compartida con outras 54 bibliotecas de museos e centros de arte. A partir das 12.00 horas liberaranse diferentes volúmenes dos seus fondos na fachada principal da Rúa Príncipe e noutros puntos da cidade.

Cinco euros, un kilo de libros. Con esta premisa a libraría solidaria Aida Books & More celebra o Día do Libro. Así, o prezo do total dos libros que se acaben levando será independente do número de exemplares. Terase en conta o total do seu peso. Unha boa oportunidade para echer a maleta de novas adquisicións para este ou futuros viaxes nos que ver moito e saber moito.

(GMT+01:00) El Corte Inglés

(GMT+01:00) Museo Marco

(GMT+01:00) Biblioteca Juan Compañel

(GMT+01:00) Museo Marco

(GMT+01:00) Biblioteca Juan Compañel

(GMT+01:00) Biblioteca Xosé Neira Vilas

(GMT+01:00) De catro a catro

REVISTA OUTUBRO
The following two tabs change content below.

Eva M. Porto

Dende que a súa nai e o seu pai lle regalaron o libro dos por ques, decidiu que sería a nena que buscaría sempre os porqués. Estudou o Grao en estudos do galego e do español na Universidade de Vigo e no 2016 comezou o Grao de Periodismo na Universidade Europea Miguel de Cervantes. Aprendou o “oficio máis bonito do mundo” en Radio Vigo, Diario de Pontevedra e Onda Cero Ourense. Protestando dende 1993.