Unha Tristana con lentes lilas
O venres 9 de Febreiro A Movida asistiu a representación de Tristana, adaptación da novela homónima de Galdós, pola compañía Secuencia 3 con dirección de Alberto Castrillo Ferrer no Teatro García Barbón de Vigo. Aquí a crítica de David González.
Resulta complexo adaptar unha obra de narrativa a un espectáculo teatral debido a que a súa expresión se realiza mediante gramáticas distintas. Malia todo, a narrativa e os enredos de Galdós teñen unha versatilidade fascinante que permite unha posta en escena moi potente. A Tristana que vemos no espectáculo respecta en gran medida o texto de Galdós e permítese unhas poucas licencias discursivas que non afectan ós efectos de inmersión. Sen embargo, insiste nunha perspectiva da obra que o texto clásico non expresa de forma directa.
A obra homónima de Galdós discute as estruturas patriarcais porque presenta a unha muller idealista e que pensa loitar pola súa autonomía, mais co paso das páxinas vemos que non pode vencer ó sistema e remata sucumbindo ante esa presión. Nesta adaptación hai un paso máis alá, xa que proporciónasenos unha perspectiva feminista expresa e se somerxe máis na degradación da psique rebelde do personaxe principal.
O vestiario presenta xogos cromáticos con especial valor simbólico, como por exemplo no paso das roupas de loito de Tristana a unhas prendas que cada vez incorporan máis luminosidade mediante o uso do branco. Os xogos de luces case inexistentes e limitados, na súa meirande parte, a illar espazos van a par dunha escenografía moi sinxela, lineal e mesmo esquelética.
O elenco está moi ben escollido e resposta a concepción que se ten dos personaxes coa lectura da obra. Don Lope (José Luis Ferrer) é un home que se vende como honorable pero que amosa toda a súa toxicidade contaminando a súa “filla”; Saturna (Diana Palazón) achega ese contrapunto cómico e tamén a complicidade pola opresión por causa de xénero; Horacio (Alejandro Arestegui) ten ese encanto pasional que fai perder a cabeza para máis tarde destruír as ilusións da igualdade. Tristana (Olivia Molina) é o cambio máis substancial porque atopamos nela -grazas a unha brillante interpretación da actriz- a visibilidade que todos os seus conflitos e lamentos precisan.
Como correccións creo que é preciso modificar algunhas transicións porque resultan moi violentas e potenciar os paralelismos entre as conversas simultáneas en escena en momentos de tensión concreta. Tamén potenciaría o espazo escénico cun decorado menos ríxido e, dentro da proposta esquemática, cun referente máis simbólico que estrutural. Textualmente apenas precisaría uns arranxos na repetición discursiva de ideas que xa están presentes nos feitos.
En resumo, é preciso realizar montaxes dos nosos clásicos apostando por unha re-lectura deles dende eses personaxes femininos con tanto que dicir e tan incorrectamente comprendidos polo público. O gran valor desta montaxe provén de explotar a potencialidade que ten o texto clásico. Galdós xa pretendía dar unha visión satírica da sociedade e unha denuncia social que, con espectáculos coma este, é moito máis palpable.
Últimos posts de David González (ver todos)
- Antonio García Teijeiro: “Ás crianzas gústalles a poesía. Quen lle teñen medo son os adultos” - 3 Xaneiro, 2022
- María Alonso: “A maioría da xente emigrada pasouno moi mal, pero non queren compartilo” - 27 Novembro, 2021
- Francisco Castro: “Debemos reivindicarnos como homes feministas” - 29 Outubro, 2021
- Elena Medel inaugura este venres o PoemaRia - 27 Xuño, 2018
- O reality show de Valle Inclán - 23 Xuño, 2018