Unha mostra sobre a ponte de Rande desembarca en Príncipe
Desde onte ata o 18 setembro estará na rúa do Príncipe, frente ao MARCO, a exposición Rande, unha ponte entre dous séculos, unha serie de panéis explicativos coa historia da famosa ponte. Ademais, no acto celebrado onte entregáronse os premios do concurso de fotografía Autopista del Atlántico 2019, no que saíron gañadores Ricardo Grobas e Álvaro Rodríguez Purre. (Fotos: Pablo V.)
Rande, unha ponte entre dous séculos resume en imaxes na rúa a historia da ponte que cruza a ría de Vigo desde a súa concepción ata a actualidade. A mostra inclúe bosquexos, planos, imaxes históricas e as fotografías gañadoras do premio Autopista del Atlántico. Tras a súa ampliación, a ponte de Rande é o tramo máis transitado de toda a AP-9, con máis de 22 millóns de vehículos de tráfico nos últimos 12 meses.
A maiores da presentación, otorgáronse os dous premios de fotografía do concurso Autopista del Atlántico 2019, que galardoan ás mellores imaxes da ponte tanto de fotógrafos profesionais como amateurs. No primeiro grupo o vencedor foi Ricardo Grobas, xefe de fotografía do Faro de Vigo, grazas a unha espectacular foto aérea en branco e negro da ponte rodeada de néboa. No segundo caso foi Álvaro Rodríguez Purre o escollido, cunha imaxe da ponte desde abaixo e co ceo alaranxado e azulado durante o solpor. Ademais das distincións físicas, o premio consta de 4000€ en metálico para cada un.
As imaxes de ambos os fotógrafos e outros 23 seleccionados exhíbense ata fin de mes no centro cultural A Nacional de Nova York, aínda que unha reprodución das dúas imaxes gañadoras forma parte da exposición ao aire libre da rúa do Príncipe de Vigo, inaugurada polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia.