VIALIA
bannerPicnicSesions

Convocan un flashmob en Príncipe por unha industria da moda máis xusta

Dentro das actividades da Fashion Revolution Week, o xoves 26 hai programado un flashmob en Príncipe. Consistirá en crear unha cadea de roupa que atravese toda a rúa, dende Porta do Sol á farola de Urzáiz para pedir cambios na industria da moda.

Príncipe é o punto de referencia para ir de compras en Vigo; aquí teñen sede as principais marcas do chamado fast fashion. Por ese motivo, os organizadores da Fashion Revolution Week en Galicia escolleron a rúa de Príncipe para celebrar un singular flashmob mañá, xoves 26. Queren crear unha cadea de roupa que atravese toda a rúa peatonal dende a Porta do Sol ata a farola de Urzáiz. Trátase dun flashmob no que poden participar tanto pequenos coma maiores pois non conleva dificultade algunha. O punto de encontro é a Porta do Sol ás 18:00 horas e só é preciso levar algunha prenda para engadir á cadea.

REVISTA ABRIL

Este acto está dentro da programación da Fashion Revolution Week. Unha iniciativa que se está a celebrar en diferentes lugares do mundo para conmemorar o quinto aniversario do colapso de Rana Plaza. O derrubamento do edificio situado na capital de Bangladesh derivou na morte de 1.138 persoas e máis de 2.500 resultaron feridas. O inmoble albergaba cinco fábricas de roupa que fabricaban para grandes marcas globais. Un feito que puxo de manifesto as condicións nas que se elabora a roupa que vestimos.

As actividades comezaron hoxe mércores, cunha xornada de portas abertas no taller La Canalla, situado na rúa Joaquín Loriga. Os irmáns Patricia e Francisco Soto abren ao público o seu espazo de traballo, onde deseñan e confeccionan prendas con fibras ecolóxicas e mediante a técnica do upcycling. Mañá xoves, despois do flashmob, proxectarase o documental ‘River Blue’ no Espacio Nido ás 19:00, que irá seguido dun debate no que participarán os creadores da marca de vaqueiros ecolóxicos Xiro Atlantic Denim e integrantes de Emaús Galicia. A xornada de venres comezará cunha festa de intercambio de roupa no Espacio Nido a partir das cinco da tarde. Ás 19:00 proxectarase o documental ‘Fíos Fóra’, que dá voz as traballadoras do téxtil galego. A proxección irá seguida dun coloquio no que participarán os deseñadores de La Canalla e Le Chanelas. Durante estes dous días haberá unha tenda efémera de roupa ecolóxica neste mesmo espazo, no que se poderán adquirir pezas de La Canalla, Chanelas e My Little Piura.

Ao mesmo tempo, estase a desenvolver a iniciativa #adoptaunhaprenda en Matina e Espacio Nido. O proxecto vigués Coclub presenta a primeira colección de roupa con historia. Cada unha das prendas que atoparemos nestes espazos ten a súa historia recollida na etiqueta. A exposición e venda destes artigos permanecerá en ambos locais ata o domingo.