Unha gaivota cyborg, homenaxe a ‘Terminator’, protagoniza o cartel do Galician Freaky Film Festival
O Festival Internacional de Cine Freak e Fantástico de Vigo celebrou o Día do Orgullo Friki a mañá do sábado diante do Dinoseto, presentando o cartel e novidades da súa oitava edición, que homenaxea a saga Terminator.
O Galician Freaky Film Festival elixiu o 25 de maio, Día do Orgullo Friki, para presentar o cartel e o filme homenaxeado da súa oitava edición, que terá lugar os días 20 e 21 e do 25 ao 28 de setembro na Praza Elíptica. Fronte ao Dinoseto, a organización desvelou que este ano o certame estará dedicado a Terminator, celebrando así o 40º aniversario da primeira entrega da saga de referencia da ciencia ficción.
O clásico, estreado en 1984, dirixido por James Cameron e protagonizado por Arnold Schwarzenegger e Linda Hamilton, poderá volver a desfrutarse en pantalla grande e rodeados do mellor ambiente. O Galician Freaky Film Festival proxectará Terminator o 20 de setembro, na inauguración do certame, mentres que Terminator 2: O xuízo final será o filme de clausura, o 28 de setembro.
O cartel, obra do ilustrador Paulo Mosca e a deseñadora María Llauger, está protagonizado por unha gaivota que percorre a gran velocidade a Ponte de Rande. A ave recrea unha famosa escena do filme Terminator 2: O xuízo final na que o androide autónomo T-100 recibe uns impactos de bala que intentan paralo sen éxito. Como Sarah Connor, o espectador terá que fuxir deste robot ornitolóxico futurista se quere chegar san e salvo á vindeira edición do certame vigués.
O GFFF quere repetir o éxito da pasada edición na que máis de 2000 personas desfrutaron do festival. A fórmula será a mesma: curtas abraiantes chegadas de todo o mundo, proxeccións especiais, actividades paralelas, convidados do mundo audiovisual, e moita diversión. Tamén se repetirá o Pequefreak, a xornada para público infantil que este ano terá lugar por cuarto ano consecutivo.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024