Portamerica
REVISTA MAIO

Unha gaivota cyborg, homenaxe a ‘Terminator’, protagoniza o cartel do Galician Freaky Film Festival

O Festival Internacional de Cine Freak e Fantástico de Vigo celebrou o Día do Orgullo Friki a mañá do sábado diante do Dinoseto, presentando o cartel e novidades da súa oitava edición, que homenaxea a saga Terminator.

O Galician Freaky Film Festival elixiu o 25 de maio, Día do Orgullo Friki, para presentar o cartel e o filme homenaxeado da súa oitava edición, que terá lugar os días 20 e 21 e do 25 ao 28 de setembro na Praza Elíptica.  Fronte ao Dinoseto, a organización desvelou que este ano o certame estará dedicado a Terminator, celebrando así o 40º aniversario da primeira entrega da saga de referencia da ciencia ficción.

O clásico, estreado en 1984, dirixido por James Cameron e protagonizado por Arnold Schwarzenegger e Linda Hamilton, poderá volver a desfrutarse en pantalla grande e rodeados do mellor ambiente. O Galician Freaky Film Festival proxectará Terminator o 20 de setembro, na inauguración do certame, mentres que Terminator 2: O xuízo final  será o filme de clausura, o 28 de setembro. 

O cartel, obra do ilustrador Paulo Mosca e a deseñadora María Llauger, está protagonizado por unha gaivota que percorre a gran velocidade a Ponte de Rande. A ave recrea unha famosa escena do filme Terminator 2: O xuízo final na que  o androide autónomo T-100 recibe uns impactos de bala que intentan paralo sen éxito. Como Sarah Connor, o espectador terá que fuxir deste robot ornitolóxico futurista se quere chegar san e salvo á vindeira edición do certame vigués.

O GFFF quere repetir o éxito da pasada edición na que máis de 2000 personas desfrutaron do festival. A fórmula será a mesma: curtas abraiantes chegadas de todo o mundo, proxeccións especiais, actividades paralelas, convidados do mundo audiovisual, e moita diversión. Tamén se repetirá o Pequefreak, a xornada para público infantil que este ano terá lugar por cuarto ano consecutivo.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.