CAMELIAS MASCOTAS

Un verán sen festivais

O Resurrection Fest, O Son do camiño, Portamérica e o Sin Sal Audio acaban de comunicar a cancelación dos seus festivais este verán e anuncian que volverán no 2021. Estas cancelacións súmanse a outras xa coñecidas como a do Marisquiño e O Vigo Seafest aquí en Vigo.

REVISTA NOVEMBRO
Un momento da edición pasada do Festival Sinsal Audio.

Aínda que amarga, era unha noticia que xa todos esperabamos. Este verán non haberá eventos multitudinarios e, polo tanto, este verán non haberá festivais. Sen dubida, este vai ser un verán ben diferente pero as grandes citas estivais prometen volver no 2021 cargadas de enerxía, música e diversión.

O Festival Sin Sal pospón a 2021 o vindeiro evento na Illa de San Simón, máis este verán poderemos gozar nas mesmas datas (24 a 26 de xullo) do Sinsal Litoral, do que anunciarán emprazamentos e actividades nas vindeiras semanas, pendentes da evolución da pandemia e das directrices sanitarias. Explicaban así os diferentes motivos que os levaron a cancelar a 11º edición do Festival Sin Sal “As razóns sanitarias son suficientes para non celebrar un evento como o de San Simón que si por algo se caracteriza, é pola sostibilidade, comodidade, seguridade e escala humana. Obviamente na decisión de non realizar a edición 2020 tamén pesan criterios e motivos que o noso público debe coñecer e que, en boa parte, son coincidentes cos que afectan a outros festivais ompañeiros. Se ben a necesaria (e marabillosa) viaxe nos barcos desde Vigo e Meirande ao Sinsal SON Estrella Galicia dificulta de partida a celebración do mesmo, téñense en conta circunstancias como a obrigada redución de aforo dun festival xa de formato pequeno, a cancelación das xiras de artistas internacionais e unha previsible situación socio-económica do noso público, galego e de fóra, que trastoca as prioridades vitais.”

Resurrection Fest, O Son do Camiño e Portamérica publicaron hoxe un comunicado nas súas redes sociais nas que anunciaban que pospoñen a súa celebración ata o 2021. Todos eles aseguran estar traballando para manter o cartel e animan as persoas que xa tiñan mercadas as entradas a non devolvelas xa que valerán para a próxima edición. Nos últimos días tamén coñecimos a cancelación do festival de Ortigueira, O Surfing the Lerez, Morrasound Fest e o WOS festival. Moitos outros aínda non se pronunciaron pero todo parece indicar que seguirán o mesmo camiño.