CAMELIAS MASCOTAS

Tras a máscara do merdeiro

A época carnavalesca é un deses momentos escasos nos que a tradición galega pode presumir de boa saúde, volvéndose o principal atractivo da temporada, enchendo o territorio de cigarróns, choqueiros, pantallas, madamas, peliqueiros… e merdeiros,  personaxe tradicional do Entroido vigués, cuxa recuperación debemos en boa medida á asociación A Merdeira. O seu presidente, Hadrián Román, conta que tras o interese en recuperar a nosa careta (termo co que agrupa todos os personaxes de inverno en Galicia e o norte de Portugal) está o seu valor antropolóxico e cultural, mais tamén a vontade de vivir de primeira man as historias do seu avó e do seu bisavó.

O primeiro que debemos saber é que as caretas non son para disfrazar, senón para vestir. No caso do merdeiro, cun traxe tradicional de labrego decotío; unha vestimenta sinxela, en comparación coa ornamentación das pantallas de Xinzo ou das madamas de Cobres. Foron os pescadores do Berbés os que así o inventaron, coa intención de ridiculizar as clases baixas do agro, que acudían ao porto na procura de restos de peixe e argazo para  aboar o campo. Por iso o merdeiro leva a camisa por fóra do pantalón, un novelo de la ou unha manchea de verzas colgando da faixa, unha vara e, por suposto, unha máscara de expresión case demoníaca.

O primeiro que debemos saber é que as caretas non son para disfrazar, senón para vestir. No caso do merdeiro, cun traxe tradicional de labrego decotío; unha vestimenta sinxela, en comparación coa ornamentación das pantallas de Xinzo ou das madamas de Cobres. Foron os pescadores do Berbés os que así o inventaron, coa intención de ridiculizar as clases baixas do agro, que acudían ao porto na procura de restos de peixe e argazo para  aboar o campo. Por iso o merdeiro leva a camisa por fóra do pantalón, un novelo de la ou unha manchea de verzas colgando da faixa, unha vara e, por suposto, unha máscara de expresión case demoníaca.            

Houbo unha época en que o merdeiro non apañou boa fama. A tradición do século XIX incluía esparexer escabiche (refugallos de peixe) polas rúas, polo que a motivación hixiénica abondou para que en 1917 se prohibise unha festa que moitos consideraban que xa non encaixaba co status de cidade que estaba adquirindo Vigo, demandando modelos de ocio máis refinados, como os bailes de salón, que daquela proliferaban. «Por iso pensamos no rural cando falamos do Entroido, e por iso unha aldea de 500 habitantes como Vilariño de Conso conserva unha tradición entroideira moito máis potente que a nosa», lamenta Román, pensando na figura do boteiro, que nunca deixou de dirixir o folión desta pequena localidade, unha especie de rondalla pobre en instrumentos propia desta época, que dá ritmo a cantares cómicos que satirizan temas políticos e sociais de actualidade.

REVISTA NOVEMBRO

Aínda que as máscaras galegas viven o seu esplendor durante os días máis propios do Entroido, o certo é que existen durante todo o inverno, desde a entrada do ano ata o final do inverno, poñendo de manifesto o seu espírito pagán. E é que o Entroido en Galicia non apareceu de repente. No «triángulo máxico» do Entroido que forman os municipios ourensáns de Laza, Verín e Xinzo de Limia, as fareladas ou as guerras de fariña marcan o disparo de saída o 2 de febreiro, e ata o Martes de Carnaval os mozos da vila saen á rúa armados con chocas, látegos e vexigas, para facer ruído e acirrar a quen non cumpra coa vestimenta tradicional. O mesmo acontece cos felos de Maceda ou cos zarramanculleiros de Cualedro, que percorren as casas dos veciños para ir botando fechas de licor, versión moderna do que noutrora foron tributos monetarios. En Viana do Bolo,  a primeira comparsa do fulión é a que marca a saída, namentres que en Sobrado de Trives os veciños celebran o inicio da festa comendo cocido. Por iso Hadrián insiste en que debemos falar de «máscaras do ciclo de inverno», e non só de personaxes de Entroido: «De feito, o norte de Portugal case non celebra a festa, mais si conta con moitas máscaras de inverno na súa tradición».          

Cada máscara ten unha personalidade e un ritual. «O merdeiro é absolutamente anárquico: acosa, insulta, molesta e gasta bromas pesadas», por iso se inclúe no campo das máscaras fustrigadoras, onde tamén atopamos os cigarróns de Verín ou os peliqueiros de Laza. Como na variedade está o gusto, sen saír da ría podemos desfrutar doutro Entroido ben diferente, o protagonizado polos galáns, as madamas e os coloridos traxes que locen en comparsas coreografadas na parroquia de Cobres, en Vilaboa do Morrazo.

Texto: Paula Cermeño
Foto: Guille o Gato

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.