Tostón Bistró, América de norte a sur
Geralc Núñez desembarcou en Ferrol coa determinación de dedicarse á cociña, algo que ata entón era simplemente unha afección na súa Venezuela natal. Canda a súa muller, traballou de camareiro e dous anos despois decidiuse a abrir un negocio propio no centro de Vigo: Tostón Bistró.
A carta deste restaurante está pensada para picar especialidades venezolanas entre amigos. O nome refírese a unha delas, o tostón, unha lámina de plátano macho, esmagada e fritida, sobre a que se coloca todo tipo de ingredientes, como tenreira, polo ou vexetais, cubertos de repolo e salsas. Outra das especialidades venezolanas da carta son as arepas, o famoso sándwich venezolano de masa de millo, prepárase aquí con recheos típicos, como o pabellón e outro máis singulares, inspirados na cociña norteamericana, como o pulled pork ou os roxóns.
Pasamos ao prato forte cunhas hamburguesas de luxo ou a especialidade da casa: as costelas de porco ao estilo norteamericano. Tamén baseados na gastronomía ianqui, atopamos pratos como pan recheo, patacas cubertas de queixo cheddar ou os cogombros en tempura con salsa da casa. O seu último lanzamento é un bocadillo en pan de brioche de entreteto cociñado durante cinco horas cun punto crocante.
Deixar sitio para o doce é un mandamento neste lugar. A torta de tres leites, o quesillo ou o golfeado (un roliño de canela con queixo) son obra da súa sogra, unha reposteira que xa ten o ceo gañado.
Darío Álvarez Blázquez, 1 | 986 11 28 12 | tostonbistro.com | @tostonbistro
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Crudeza, cevichería de autor - 8 Agosto, 2022
- O festival de maxia Galicia Ilusiona percorre a comunidade con máis de 220 actuacións - 3 Agosto, 2022
- Pablo Sánchez (Ciudad Jara): “Os seguidores de La Raíz sentíronse abandonados” - 1 Agosto, 2022
- Ruta para vivir a túa Alma Atlántica este verán - 28 Xullo, 2022
- La Mesa de Conus, cociña de autor en directo - 22 Xullo, 2022