Tonhito de Poi (Heredeiros da Crus): “Estamos todos emocionados por volver a Vigo”
Tonhito de Poi fundou en 1992 Heredeiros da Crus, un dos grupos galegos con máis sona das últimas décadas. Ademais, xunto a eles foi parte da banda sonora da infancia de moitas persoas grazas ao famosísimo Que jallo é!, que soaba todas as tardes no Xabarín Club. Aínda que non as precisamos, temos dúas boas escusas para falar con el: vén de sacar Non hai onde esconderse, o seu novo libro-disco en solitario, e este venres visita Vigo cos Heredeiros despois de vinte anos sen facelo.
O teu disco vén acompañado dun libro con anotacións que funciona como mapa antes de mergullarse na túa música. Ten sentido escoitar o disco sen ler previamente estas instrucións? Pérdese moita información?
Que va, non se perde nada de información, o disco é completamente autónomo. Mira, eu unha vez dei unha volta por Santiago de Compostela con Rubén Aramburu, que ademais de ser sacerdote é historiador. O caso é que ao ir con el explicábache a historia de cada edificio, de cada escultura e de cada pedra. Como se vas polo monte cun biólogo, flipas moitísimo máis. Isto é o mesmo. É un disco moi completo, como eu digo estilo Poi Floyd. O libro serve para explicar a orixe de moitos sons gravados directamente no Amazonas e tamén porque non quería sacar máis plástico. Prefiro sacar un libro de papel reciclado cun código para descargar as cancións.
Neste traballo podemos escoitar desde música étnica a guitarras distorsionada. Como xorde un disco con tanta variedade de estilos e rexistros?
Está ben o matiz que fas pero realmente non hai nada étnico. Entendo o que dis, pero é como se vas camiñando pola selva. Pensas “como se poden combinar tantas cousas aquí?” pero realmente é unha soa cousa, é a selva. É como se escoitas o The Wall de Pink Floyd, salvando as distancias claro, non me quero nin comparar. Escoitas voces, un helicóptero… non, escoitas un disco. Cando fun presentar o disco aos Premios Martín Códax preguntáronme que xénero era, eu díxenlles que era un disco de rock. É puro rock. Non podía ser outra cousa porque é o único que sei facer. O rock é revolución, é investigación, é fusión.
Comentabas nunha entrevista que ningunha das cancións baixa das 50 pistas.
Eu son moi de fliparme. Eu creo paisaxes sonoras. O estudio é moi goloso, é divertidísimo. Ademais a tecnoloxía permíteche facer moitas cousas. No disco hai moitas cousas que parecen electrónica pero son reais, como por exemplo a reverb na voz. Unha delas graveina nun pelouro enorme que hai en Punta Couso, que por fóra parece totalmente sólido pero por dentro é oco. As outras nunha capela abandonada e na carpa da Ciudad de los Muchachos, en Benposta. Levaba as bases nun mp3 e cantaba alí a pleno pulmón. O disco podes escoitalo no coche a todo volume, pero tamén está a experiencia de escoitalos cos auriculares e flipar por colores.
Isto sumado ao do libro que vén co disco e que dura máis dunha hora, non che parece unha proposta moi arriscada para os tempos que corren, nos que os discos xa non se escoitan con toda a tranquilidade que merecen?
Claro, pero eu fíxeno para min. Non perdín nin un segundo en pensar a que público iría dirixido. Foi un agasallo que me dei eu. A min flípame o disco. Non me interesa facer fórmulas dun minuto e medio.
Como foi o proceso de gravación deste traballo tan ambicioso?
Foi un proceso de tres anos, entre viaxes a selva, ordenar os audios, compoñer, escribir, estruturar… que comeza na Selva Amazónica. Ás veces botaba alí 1 ou 2 meses, outras só un pequeno retiro de 15 días. Na selva todo é música, todo é melodía. O propio título do disco, Non hai onde esconderse, vén explicado no libro. O traballo letrístico, musical e documental penso que está bastante equilibrado. Eu confío que a xente lle vaia molar, é destas cousas que levan tempo. É como cando de pequeno non quería comer peixe e acabei de cociñeiro nun barco. Ao principio facía sempre patacas fritas con salchichas pero co tempo funlle pillando o punto á merluza. Cando lle colles o gusto ao peixe non hai frituras nin merdas que che coman a cabeza. Entón este disco penso que vai ter un largo percorrido ata que a xente comece a saborealo.
É un disco complicado para levar ao directo, verdade?
Que va, esta vez non quixen cometer o erro da Banda de Poi. Imos un trío, guitarra, baixo e batería, en plan Jimmi Hendrix. Collín as melodías e as letras e condenseino todo. Levo uns poucos pedais e dous amplificadores. O batería é un espectáculo e o baixista é un guitarrista que vén do jazz, é brutal. Teño algúns concertos pechados pero ningún en Vigo.
Como é posible que en tantos anos de carreira cos Heredeiros apenas vos deixásedes ver por Vigo?
Pois esa é unha boa pregunta. Sobre todo despois de triunfar tanto en Vigo. O noso segundo concerto foi na Planta Baixa e despois xa en Castrelos. No xornal saíu o titular “Siniestro Total xa ten heredeiros”. Estamos todos emocionados por volver.
Iredes disfrazados como de costume ou esta vez non, só por levar a contraria?
Non sei, non planificamos nada. Eu sempre vou moi cómodo coas miñas pintas, é como un ritual. Coa saia de escamas, co casco, co peito ao aire… non é por unha cuestión de exhibicionismo, é para mostrar que aquí imos traballar duro. Se a ti te mandan ir a sachar leña non vas cunha rebequita. Ponme como unha moto, é unha forma de facer ver que non imos facer prisioneiros.
Na actualidade existen bandas de rock en galego como Terbutalina ou a Familia Caamagno que me lembran bastante ao estilo do Heredeiros. Sentides que creáchedes escola en Galicia?
Non, eu creo que non. Son palabras maiores. En todo caso creouse un movemento que na súa altura tivo o seu eco, pero tanto como iso non.
Por que pensas que tan poucos grupos galegos cantan en galego?
Non o teño moi claro, debe ser porque non o falan. Pode ser porque escoitan música en castelán e queren facela igual. Por exemplo en Portugal a maioría dos grupos cantan en inglés.
Tamén colaboras habitualmente co programa de radio Sempre Queda o Rock, en Ponteareas, ademais de coa Radio Galega. Que tal a experiencia de ser o entrevistador e non o entrevistado?
Pois xa levo desde o 1995 traballando na Galega. Entrevistei a milleiros de grupos, sen esaxerar. Tanto a grupos, artistas en solitario, actores… É unha faceta que quizais non se coñece moito pero a min encántame. Eu aprendo de todo o mundo, non hai artista pequeno. Sempre procuro facer preguntas que me interesen a min, persoalmente. Sempre sacas algo en claro. A clave está na pregunta. Eu teño a teoría de que nós poderiamos saber absolutamente todo, o que pasa é que aínda non dimos coa pregunta adecuada.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024