COSTEIRASONORA
REVISTA VERAN

Heredeiros da Crus, Mitic e Sondeseu actuarán esta semana na Porta do Sol

O ansiado concerto de Heredeiros da Crus, teloneados polo dúo local Tony Lomba e Elio dos Santos, xa ten data: será o venres 12 na Porta do Sol. Un día antes, o xoves, actuará a agrupación folclórica Sondeseu e, o sábado, o espectáculo folk rock MITIC. Os horarios aínda están por confirmar, todas as actuacións serán gratuítas.

O programa de Vigo en Festas amplía a súa oferta con catro novos concertos no centro da cidade para este xoves 11, venres 12 e sábado 13. Desta forma, actuarán na Porta do Sol, por esta orde, Sondeseu, Tony Lomba e Elio dos Santos, Heredeiros da Crus e MITIC, o espectáculo.

Sondeseu é unha das primeiras orquestras europeas de música folk contemporánea. O seu repertorio consta de temas procedentes da tradición oral da música popular de Galicia, arranxados especialmente para a formación polos seus compoñentes e responsables das distintas seccións que abranguen gaitas, percusión, zanfonas, violíns, requintas e frautas de madeira, canto, arpas e corda pulsada. Nada no ano 2001 no antigo departamento de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios, hoxe E-Trad, Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo, poderemos vela este xoves 11 aos pés do Sereo.

Tras a súa cancelación o pasado entroido por mor do mal tempo, moitos foron quenes quedaron coas ganas de ver á mítica banda Heredeiros da Crus actuando en Vigo, algo que non fan desde hai máis de 20 anos. De feito, o propio Tonhito de Poi recoñecía que toda a banda estaba moi emocionada por volver a tocar na nosa cidade, polo que a decepción de fai meses debeu ser notable. Este venres 12 á noite volverán escudados, novamente, polo irreverente dúo local Tony Lomba e Elio dos Santos, cos que xa compartiron outras batallas fai uns cantos anos. Na nosa revista de verán podes atopar unha entrevista a Fran Velo, baixista da agrupación.

Por último, pero non menos importante, o novidoso espectáculo de folk rock MITIC volve a Vigo tras encher o teatro Afundación o pasado decembro, nun show de dúas horas que mestura música e cinema e que ten na gaita a súa gran protagonista. Os principais culpables son os irmáns Álvaro e Suso Costas, dous experimentados músicos vigueses cuxo obxectivo é difundir e potenciar a boa imaxe da gaita e chegar a esas persoas totalmente alleas ao folk e que teñen un concepto pouco actualizado do instrumento. Non faltarán versións de artistas tan coñecidos como Queen, Bon Jovi, Frank Sinatra, Edith Piaf, The Beatles, Europe, Eagles ou incluso bandas sonoras como a de Rocky.

(GMT+01:00) Centro Cultural Helios Bembrive

(GMT+01:00) Porta do Sol

SONRIAS

(GMT+01:00) Porta do Sol