VIALIA
bannerPicnicSesions

Todo por facer (o amor)

Sobre a parella existe un paradigma vello. Un paradigma baseado nunha concepción católica do matrimonio. Nese paradigma vello hai relacións de poder, hai o mito do amor romántico, hai dependencia extrema e unha desatención ao desenvolvemento individual, á afectividade responsable e á sexualidade. Para sermos heroes e heroínas da afectividade e avanzar en comunidade cara a un futuro máis pleno, escoitamos voces expertas neste eido para que nos ensinen a ser máis felices. Non esquezamos que todo parte dunha emoción que anhelamos: o amor. Amor que nos cimente as relacións e que traia ao mundo unha nova xeración que non pare de bombear oxitocina.

Partindo da base sinxela de que o amor é unha emoción, podémolo sentir inesperadamente por diversas persoas, animais ou mesmo obxectos. A cuestión é que escollemos unha persoa para construír unha relación que xire en torno a esa emoción. Pero toda esa construción, todas ese regulamento que hai ao redor, é cousa nosa. O problema é que nos confunden. Fálannos de amor romántico e a Emma Placer póñenselle os pelos de punta cando le en redes expresións como «ti e eu somos un». Mal. «Quero que ti sexas a miña prioridade». Non, non, non. Escoita na consulta e nega coa cabeza. A prioridade ten que ser un mesmo. Sempre. E o obxectivo vital é sentirse ben. Simplemente. Así que aquí temos un bo sitio polo que empezar: a parella ten que ter ese obxectivo. Os ingredientes son intimidade, paixón e compromiso, afirma a devandita psicóloga e sexóloga, que recibe persoas de todas as idades no centro Salud&Placer, tratando ansiedade xeneralizada, bloqueos emocionais, estrés nas relacións sociais e afectivas, problemas de parella e trastornos sexuais, alén de dedicarse a facer divulgación ao respecto. Con ela falamos dun concepto presente en redes sociais: a responsabilidade afectiva. Concorda con que o termo «responsabilidade» é moi necesario. Desbota a inutilidade doutro concepto que debera quedar no pasado: a culpa. A responsabilidade permítenos estar no presente. Nas relacións afectivo-emocionais temos que facernos responsables do que dicimos ou facemos admitir que xa non se pode eximir. Facerse responsable no aquí e o agora é moi útil para manter relacións saudables. Podemos imaxinar a parella como un edificio: primeiro os cimentos, despois as paredes, e logo imos poñendo e quitando cousas. Cando percibimos que a o edificio non se sostén, a cousa non está a funcionar. Se nos sentimos en conflito constante, talvez sexa o momento de finalizar a relación.

A saúde nas relacións afectivas parte dunha cuestión de base: a educación sexual, baseada nos principios de diversidade sexual na que todas as persoas estamos presentes. O consenso a este respecto desde a sexoloxía é incuestionable. A pedagoga e sexóloga Erea Devesa: «É moi necesario que a educación sexual comece na escola infantil. O medo a este respecto está totalmente inxustificado. Os contidos, como é lóxico, están experta e coidadosamente adaptados ao desenvolvemento natural en cada idade. Nos primeiros anos de vida, a cuestión pode simplificarse a un uso universal das cores facendo pedagoxía na liberdade da cativada para que a xente miúda se identifique con con cada unha delas. E tamén para que saiban protexer a propia intimidade». A sexóloga fala de que é posible e necesario ensinarlle á cativada a denunciar abusos, moito máis frecuentes do que nos podemos permitir esquecer. Ao percibir as carencias verbo da educación sexual, esta profesional decidiu fundar Sexoloxía Con Xeito para facer máis pedagoxía no campo e fomentar a divulgación e a difusión de información veraz ao respecto: «É certo que entre as familias e o profesorado hai interese polos meus obradoiros, pero tamén é certo que quen máis se interesa é quen menos os precisa». Noutras palabras, a cuestión da educación sexual é un tabú en moitos fogares.

REVISTA ABRIL

Tendo en conta a consigna «o particular é político», documentada pola activista estadounidense Kate Millett, é fácil de entender que sexan tan necesarios os cambios a nivel individual e familiar, que se poden acadar nun gabinete de psicoloxía, en obradoiros ou en charlas educativas; como as mudanzas a nivel social e institucional. «Son cambios moi necesarios», apunta Emma, «que de entrada poden xerar confusión, malestar ou certa incomodidade, pero o camiño da política é adaptarse ao que sucede na sociedade». A construción dunha relación de parella non é máis que unha das modalidades posibles. O poliamor existe como un sistema afectivo no que interaccionan máis de dúas persoas, o que require un elevado nivel de responsabilidade emocional, comunicación efectiva e escoita activa.

A percepción da necesidade de mellora a todos os niveis no campo da educación afectivo-sexual está xeneralizada. Desde a asociación Pvlse, activista na causa LGTB, senten que as familias de agora, que recibiron unha paupérrima educación sexual, non están ben preparadas. Recalcan que a pornografía é o principal referente para as novas xeracións; a afectividade queda anulada mentres se promove un achegamento violento á sexualidade. A neglixencia no eido da educación sexual e na divulgación de información sen prexuízos das orientacións xénero-afectivas chega a ter consecuencias extremadamente dramáticas, como o recente asasinato na Coruña de Samuel Luiz, o mozo que morreu asasinado baixo o berro de «maricón».

Maruxa Gesto
Redactora

The following two tabs change content below.

Maruxa Gesto

Últimos posts de Maruxa Gesto (ver todos)