The Wild Fest, tres días de lecer na natureza, tamén para os nenos
A programación familiar é un dos puntos fortes do certame, que se celebra os días 30, 31 de agosto e 1 de setembro no Parque Forestal de San Miguel de Oia. The Wild Fest celébrase nun amplo espazo verde no que as familias poden pasar o día desfrutando de xogos para nenos, obradoiros para todas as idades, proxección de curtametraxes sobre medio ambiente e a actuación de Globotolo. A experiencia redondéase con foodtrucks e mercado de artesanía.
O festival vigués The Wild Fest completa o cartel musical, encabezado con Dakidarría, Julián Maeso, Moonshine Wagon e Moura, cun completo programa de actividades paralelas, especialmente pensado para desfrutar en familia. As actividades levaranse a cabo no Parque Forestal de San Miguel de Oia os días 30 e 31 de agosto e 1 de setembro.
As familias poderán desfrutar do ambiente de The Wild Fest desde o venres 30 de agosto ás 17:30h cando se abrirá a zona gastro, o mercado e o rocódromo infantil e se proxectarán dúas sesións de The Wild Cinema. The Wild Cinema é un festival de cine medioambiental e de aventura para todas as idades que, a través de curtametraxes internacionais, pon o foco na necesidade de conservación do planeta, a súa beleza e os perigos que enfronta. En pasadas edicións proxectáronse curtametraxes gañadoras en prestioxiosos certames europeos e mesmo nominadas nos Premios Óscar.
Na mesma xornada do venres terá lugar a final do concurso de bandas Salvaxesons, coas actuacións de Sanny, Law, The Lelli Kelly’s, Superglú e The Broke a partir das 19:30h.
Xa o sábado, os pequenos poderán divertirse na zona infantil a partir das 15:00h onde se desenvolverán obradoiros de reciclaxe, xogos tradicionais e pintacaras durante tres horas. Antes diso, a Polémica Banda dos Bechuchos amenizará a sesión vermú, un horario para todas as idades que permitirá tamén desfrutar da variedade de comida dos foodtrucks instalados no parque.
Na xornada do domingo toda a programación está pensada para desfrutar a calquera idade. O día comezará cun obradoiro de Tai Chi, inpartido pola especialista MAría Urrutia; e continuará cunha andaina guiada por integrantes da Comunidade de Montes de San Miguel de Oia, que nos farán un percorrido polos mellores recunchos e miradoiros dos seus montes. A partir das 11:30h a Asociación Monteira ofrecerá un obradoiro de danzas do mundo na que ensinarán os pasos básicos de varios bailes tradicionais de diversos países. Para rematar a mañá o trío Mad Martin Trío ofrecerá un eléctrico concerto de rockabily e rock clásico ao estilo dos anos 50.
Xa pola tarde, chegará un dos momentos máis esperados pola cativada fiel a The Wild Fest, a actuación infantil, que este ano correrá a cargo de Globotolo. O pallaso Lolo, fará as delicias dos máis pequenos e sorprenderán ós máis grandes, facendo figuras imposibles con globos e divertidos gags.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024