ASNEVES
REVISTA MAIO

Teis, a loita como guía

Ilustración de Chachachá Studio

Desde a beira das dez praias que debullan o litoral ata o alto do monte da Guía, que exerce como gardián dos areais, San Salvador de Teis mantén a alma propia dunha parroquia combativa e feita a si mesma. Á sombra dos guindastres que conformaban a paisaxe dos estaleiros Ascón e Vulcano, onde xurdiu un forte movemento sindical contra a reconversión do sector naval de 1972, Teis adquiriu a condición de zona obreira coa que resoa o seu nome. A loita obreira mestúrase con reivindicacións sociais máis contemporáneas, como as do colectivo LGBT. Un exemplo disto último témolo con Marinita y sus Maromas, a primeira compañía de teatro e cabaré travestí de Galicia que atopou aquí o seu público máis fiel, que con cada función enche as butacas do auditorio do Centro Cívico de Teis.

Non en balde, esta terra viu nacer recoñecidos actores do noso panorama como Antonio Durán «Morris» ou Manuel Manquiña, que tomou como apelido artístico o nome dunha pequena praia das que bañan a parroquia, de onde tamén son naturais artistas como o pintor Pedro Solveira, falecido recentemente, ou deportistas como a alpinista Chus Lago, a primeira española en alcanzar o cumio do Everest. Para afondar na identidade de Teis, quedamos cun veciño que desde hai tempo se dedica a mergullarse en hemerotecas para recuperar a memoria histórica deste bo anaco de Vigo, a quen debemos o que contamos deseguido: Avelino Quirós.

Avelino Quirós diante da súa casa en Teis. | L. Alonso

A primeiros dos anos trinta, Teis considerábase a horta da bisbarra, e os agraristas da zona sentíanse discriminados baixo a pertenza ao Concello de Lavadores. As aspiracións secesionistas do pioneiro Sindicato de Agricultores cobraron forma o 7 de xaneiro de 1936, en concreto no número 145 da rúa de Sanjurjo Badía, onde se estableceu a sede Concello de Teis. O primeiro alcalde foi o industrial conserveiro Manuel Martínez Ramos, que despois dun mes dimitiría, tomando posesión do cargo o mestre albanel Julio Quirós Estévez —tío avó de Avelino, o colaborador deste artigo—.Con todo, a soberanía apenas durou medio ano, pois un cambio de goberno no concello de Lavadores provocou que se solicitase a nulidade. Concéntranse unhas seis mil persoas en contra da decisión, pero o golpe de Estado do 18 de xullo quebrou o soño da independencia. Os nomes dos amentados alcaldes locen hoxe nunha placa no Toural.

O Toural é un lugar onde a sublevación militar do 36 atopou resistencia. Alí residiron Ángela Iglesias Rebollar, coñecida como «Angelina a protestante» canda o seu home, José Niebla García. De ideoloxía evanxelista, con dous fillos e un terceiro de camiño, a noite do 11 de abril de 1937, varios gardas civís e voluntarios falanxistas asaltaron a vivenda desta familia. Baixo a acusación de refuxiar tres republicanos fuxidos do réxime franquista, a parella foi executada no alto do monte da Guía. Os dous cativos, José e Eliseo, foron separados e levados fóra de Vigo e medraron sen saber o un do outro, ata que as súas vidas volveron converxer corenta anos despois da morte de seus pais. Unha das últimas veces que se viron foi no 2008, cando Ángela e José foron homenaxeados coa colocación dun monólito na subida ao monte en que foron asasinados.

Ermida do alto do Monte da Guía | L. Alonso

A veciñanza tivo que convivir durante moitos anos cuns depósitos de combustible xunto ás súas casas, sabendo que podían desaparecer por mor dunha mala chispa. Falar de Campsa en Teis é sinónimo de alerta. Pouco faltou para a desgraza. En 1935, os catro millóns de litros de gasóleo que albergaban os depósitos estiveron a moi pouca distancia dun incendio de grandes dimensións no serradoiro de Miranda. Non só houbo incendios nas inmediacións. Durante dez anos, no que hoxe é o colexio dos xesuítas, estiveron soterradas un total de 400 caixas de dinamita dun vapor avariado. Con protestas de por medio, finalmente retiráronse os explosivos. Campsa seguiu moito tempo na parroquia ata que en 1991, a loita veciñal conseguiu que se levasen os depósitos ata Puxeiros. Con todo, as instalacións aínda seguen alí presentes.

Unha das revoltas que máis sacudiu Teis foi o rexeitamento contra a planta de transferencia de residuos no lugar de Guixar. A instalación, coñecida equívoca e popularmente como «empacadora», desatou unha guerrilla municipal en 1994. Alzouse a plataforma Barrios con Voz para comandar as protestas e chegou a ter tanto apoio que case consegue ter representación no Concello de Vigo. O presidente da Asociación de Veciños de Teis era daquela Avelino Quirós, e non se opoñía á instalación, senón que pensaba que a cambio se poderían negociar beneficios para a veciñanza. Intereses electoralistas e moitos bulos provocaron a guerra do lixo, que fixo que Avelino vivise un tempo agochado no seu propio barrio namentres que o proxecto seguía o seu curso. Trinta anos despois, a planta de residuos permanece en Guixar.

Por sorte, Teis nunca deixou de ser o que é: un prisma composto por moitas caras. Cun pasado agrario, de resistencia antifascista, forte en movemento sindicalista e unha grande influencia militar pola Base Naval de Ríos, xermolo da Escola de Transmisións e Electricidade da Armada (ETEA). Diferentes etapas, todas marcadas por un sinal de identidade que persiste a día de hoxe: a unidade veciñal.

Escola de Transmisións e Electricidade da Armada (ETEA) | L. Alonso

(Premendo no nome de cada local accédese ao artigo completo con máis información)

LIBRERÍA LA GUÍA

Preto de medio século de historia avala esta librería e papelería, noutrora un negocio familiar, que en 2021 pasou ás mans de Cristina Martín. Para moitos veciños, a esta librería é un punto de referencia.

librerialaguia@gmail.com | 986 37 17 07 | @librerialaguia

+ info

CELEBRARTE

O local pódese alugar por horas coa intención única de que grupos familiares ou de amigos desfruten dun tempo de calidade sen preocuparse por máis nada. Desde que se inaugurou en xaneiro, Celebrarte case non tivo unha fin de semana libre.

celebrartevigo.com | 604 02 79 07 | @celebrarte.vigo

+ info

MERCADO DE TEIS

A Praza de Abastos de Teis chegou a contar con máis dun cento de postos dedicados a fornecer a veciñanza de alimentación. A partir dos anos noventa, cando proliferan os hipermercados, a función transfórmase e convértese nun punto de encontro.

mercado.teis@gmail.com | mercadodeteis.es | 986 37 15 15 | @mercadodeteis

+ info

LA HABITACIÓN DE LOS PELOS

O nome procede de como lle chamaba ao cuarto da casa onde empezou a cortarlle o pelo a algúns amigos, unha actividade que se converteu en negocio hai nove meses. «É unha extensión do meu cuarto da casa, pero a pé de rúa», explica Javier Fernández.

lahabitaciondelospelosbarberia.booksy.com | 622 10 03 32 | @lahabitaciondelospelos

+info

A GRANXA

Con 17 anos de historia e seis tendas repartidas ao largo e longo de Vigo, A Granxa é unha das carnicerías máis coñecidas da cidade. A de Teis é a segunda máis antiga, e alí aténdenos Antía Juiz, a moza de 27 anos que rexenta o establecemento.

carniceriasagranxa.es | 886 13 86 34

+ info

Érika Martínez
Redactora

Lara Alonso
Fotógrafa