CANS
XERAIS

Librería La Guía

Preto de medio século de historia avala esta librería e papelería, noutrora un negocio familiar, que en 2021 pasou ás mans de Cristina Martín, que entrou no establecemento como empregada e que chega desde Redondela cada xornada. «Ao atender sempre a mesma xente, acabas por coñecela; non fai falta vivir aquí», comenta a libreira. Para moitos veciños, a esta librería é un punto de referencia. «Moitos clientes maiores que veñen comprar para os netos comentan que antes xa viñan polos fillos», apunta Cristina, que goza co trato coa xente.

O feito de ser unha librería pequena obriga a diversificar a oferta con produtos como xogos de mesa ou artigos para regalo. Así e todo, en La Guía a prioridade seguen a ser os libros, sobre todo a literatura infantil e os últimos lanzamentos de novelas. Isto ata que chega setembro, cando os libros de texto acaparan os pedidos que recibe, sobre todo, por WhatsApp. De cara ao futuro, Cristina prefire non desvelar nada, pero adianta que ten en mente un novo proxecto para desenvolver coa veciñanza.

librerialaguia@gmail.com | 986 37 17 07 | @librerialaguia

Érika Martínez
Redactora

Lara Alonso
Fotógrafa

REVISTA MAIO